Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR APOIA UNHA INICIATIVA PARA DOTAR DUNHA UNIDADE DE HEMODINÁMICA E RADIOTERAPIA EN LUGO E O FUNCIONAMENTO PERMANENTE DA HEMODINÁMICA EN OURENSE

Santiago, 2 de novembro de 2011.- O Grupo Parlamentario Popular aposta pola potenciación da atención sanitaria nas provincias do interior da Comunidade galega ao dar o seu apoio a unha iniciativa no Parlamento de Galicia que contempla a instalacións dunha unidade de hemodinámica e radioterapia en Lugo, así como o funcionamento durante todo o día da unidade de hemodinámica existente en Ourense.

A unidade de hemodinámica permite dar uns tempos de resposta por baixo das dúas horas na atención aos pacientes con síndrome coronario agudo. Deste xeito, as persoas afectadas poderán recuperar a funcionalidade do corazón sen ter que desprazarse para que se lle faga unha angioplastia primaria e outras atencións como o cateterismo diagnóstico.

Ademais, no caso da radioterapia permitirá que os pacientes que precisen deste tipo de atencións non se vexan obrigados a facer desprazamentos que os ocupen todo o día. 

O Grupo Popular pon de manifesto este compromiso pola mellora da atención sanitaria aos cidadáns galegos que residen tanto en Lugo como en Ourense, unha demanda que viña sendo solicitada en diversas ocasións polos deputados do Partido Popular e a súa aprobación no día de hoxe contrasta coa posición mantida polos grupos da oposición que durante a época do bipartito rexeitaban estas peticións.