Santiago, 2 de novembro de 2011.- O voceiro de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, defendeu hoxe no Parlamento de Galicia a tramitación que está a facer o actual Goberno municipal de A Coruña respecto ao Parque Ofimático e recordou que este asunto “non ven desde hai unha década, senón que naceu no ano 1991, é dicir, hai 20 anos que se asinou o convenio entre o Concello de A Coruña e a Xunta para levar adiante este proxecto urbanístico”.
Jaime Castiñeira manifestou que “o que nun principio se previu como unha zona de oficinas, de ahí o nome de parque ofimático, se converteu a través dunha recualificación que fixo en 1998 o Goberno socialista no Concello de A Coruña, coa aprobación do Plan Xeral, en uso fundamentalmente residencial, pasando, ademais dunha edificabilidade de 0,6 a 1,1 m2/m2, o que supón multiplicar case por dous a edificabilidade prevista”.
“Esta decisión provocou que os antigos propietarios solicitasen a reversión dos seus terreos, dado que foran comprados para unha cousa e coa recualificación pasouse para outra, con cambio de uso e maior aproveitamento urbanístico”.
PSOE E BNG, INCAPACES.- O voceiro de Vivenda do Grupo Popular recordou, tanto a socialistas como a nacionalistas, que “vostedes foron Goberno tanto no Concello de A Coruña como na Xunta, e non foron capaces nese momento de sacar adiante o que agora lle piden ao novo Goberno de A Coruña que faga en tres meses”.
Castiñeira tamén fixo referencia á autonomía municipal dos concellos, polo que “a Xunta de Galicia non é quen de esixir uns trámites nos que só a entidade local ten competencia”. “E por si fora pouco, recórdolles as desfeitas na súa actuación ao longo dos últimos catro anos, tanto a través da venda dos dereitos edificatorios desde o IGVS a Xestur, co obxecto de facer caixa para outros usos, en total 38 millóns de euros; ou tamén coa venda de parcelas sen urbanizar e sen estar inscritas no rexistro, e incluso con cargas descoñecidas pendentes, como eran os derivados das denuncias presentadas polos propietarios orixinais que pedían a reversión dos terreos e os de ADIF que tiña presentado un recurso no Tribunal Supremo”.
ACTOS CON GOBERNOS EN FUNCIÓNS.- “A día de hoxe, mentres non terminen todos os trámites para inscribir no rexistro as parcelas e ter o pleno dominio libre de cargas dos terreos resultantes do proxecto de reparcelación, non se poden entregar as parcelas aos cooperativistas nin se poden pasar os recibos correspondentes para levar a cabo a urbanización”, explicou o voceiro do Grupo Popular. Neste sentido, recordou que estas cargas que tiñan as parcelas “non foron suficiente obstáculo para o Goberno bipartito asinara contratos con cooperativistas vendendo parcelas que non se sabía exactamente en que condicións urbanísticas se atopaban”.
Castiñeira lamentou que “este feito levárono a cabo cun Goberno en funcións, dado que foi o 31 de marzo de 2009, e é curioso que tamén cun goberno case en funcións, dado que foi o 21 de maio deste ano, xornada de reflexión das últimas eleccións municipais, cando o Goberno municipal de A Coruña asinou o contrato para a urbanización deste polígono, por un importe de 45 millóns de euros. “Casualidades ou non, parece que esta xente só se move cando ven de cerca a súa saída dos gobernos respectivos”, rematou.