Partido Popular de Lugo

O PPDEG CUALIFICA DE “PRUDENTE E REALISTA” O ANUNCIO DA PARALIZACIÓN DAS OBRAS NA CIDADE DA CULTURA

Santiago de Compostela, 25 de outubro  de 2011.-  O deputado do PPdeG, Agustín Baamonde cualificou hoxe no pleno do Parlamento de “prudente e realista” o anuncio da paralización das obras na Cidade da Cultura. “A sociedade galega non entendería a utilización de recursos cando existen outras situacións prioritarias e a crise económica asfixiante obriga a racionalizar recursos e empregalos en aras do sentido común”. A aceptación pola sociedade galega “demostra que é unha resolución acertada, unha forma de proceder correcta determinada polo raciocinio e que será a devir do futuro, a evolución da realidade económica e a determinación da sociedade galega a que configure a continuación ou a paralización definitiva das obras” segundo Agustín Baamonde.  

O deputado popular na súa intervención, durante a comparecencia do Conselleiro de Cultura para explicar a actividade cultural na Cidade da Cultura de Galicia, lamentou “que a oposición receba con uñas as explicacións do Conselleiro que fala de facer e en positivo mentres eles falan de desfacer e en negativo pensando que é un problema do PP e sen darse conta que é unha cuestión de país, que afecta a toda a sociedade galega e a todos os responsables políticos xa que todos os grupos tiveron participación na súa xestión”.

Segundo Agustín Baamonde “é momento para a intelixencia e demostrar a talla política e non se pode desprender da autocrítica cando todos tiveron responsabilidades” referíndose ao goberno bipartito na Xunta de Galicia “e agora o único obxectivo é desgastar ao goberno do PPdeG xa que nin se pronunciaron sobre a decisión da paralización das obras, se lles gustaba ou aceptaban ou sobre se o feito debe esquecerse ou debe tratar de polo en valor”. Ao respecto das críticas a “galeguidade” o deputado popular destacou “os mais de 500.000 euros gastados polo bipartito na Xunta a empresas de fora de Galicia para facer estudios, con comité de expertos, para definir os contidos”. “Coas súas críticas o que veñen a transmitir é a frustración por haber fracasado naquelo que agora están criticando”. 

O deputado popular cualificou “de exercicio de determinación e valentía a posta en valor do que está feito no Gaias”. Segundo Agustín Baamonde “se pode dicir mais alto pero non mais claro, no Gaias hai un plan, hai un proxecto e hai un contido. Un plan baseado en cuestións simples como a aposta pola modernidade convertendo o proxecto en referente da reflexión e investigación da cultura e o futuro da sociedade do coñecemento. Hai unha aposta polo valor da singularidade arquitectónica e pola cultura galega”.

“Hai plan, hai proxecto, hai contido e hai futuro e fronte a eso a oposición está en terra de niguén e teñen que tomar unha decisión e non permanecer no inmovilismo que é unha demostración de insensatez,  que demostra a súa falta de compromiso non só co Gaiás senón con Galicia”. 

Agustín Baamonde indicou aos partidos da oposicion que “para ser creíbles teñen que ter coherencia intelectual e non a teñen xa que primeiro criticaban e censuraban o proxecto, cando gobernaban o eloxiaban e agora volven a censurarlo e no fondo o que está e o estigma no fracaso da súa xestión da Cidade da Cultura”.