Santiago, 25 de outubro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, rexeitou a proposta socialista para modificar o novo sistema de adquisición dos terreos nos que se situarán as futuras piscifactorías. Os populares non están de acordo coa moción presentada hoxe polo PSdeG no pleno do Parlamento, a través da que propoñían empregar como fórmula exclusiva para a adquisición destes terreos a da expropiación forzosa e outorgárllelos despois ás empresas acuícolas mediante concesión administrativa limitada no tempo.
Balseiro considera que, de levarse adiante a petición do PSOE, “estaríamos ante un intento de converter a Xunta de Galicia nunha gran inmobiliaria”. Neste sentido, xulga como “incomprensible” que no contexto actual de crise económica e insuficiencia orzamentaria o PSOE pretenda destinar inxentes cantidades de diñeiro público para adquirir propiedades en beneficio de empresas privadas e, en contraposición coa petición socialista, defendeu o modelo actual, promovido pola Consellería do Mar, a través do que as empresas interesadas en poñer en marcha un proxecto acuícola deben negociar directamente a súa compra cos propietarios dos terreos.
PROTECCIÓN DO LITORAL.- O voceiro do Mar dos populares galegos significou que os terreos adquiridos por negociación directa só poderán ser destinados en exclusiva á actividade acuícola e que, en todo caso, para evitar calquera tipo de suspicacia ou tentación de especular con estos espazos do noso litoral, o PP na administración autonómica puxo en marcha instrumentos urbanísticos de protección da costa como son as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) ou o Plan de Ordenación do Litoral (POL). “Fuximos así de calquera intento de facer un mal uso destes terreos, a diferenza do que aconteceu en Andalucía onde un goberno socialista permite portos deportivos onde deberan ir piscifactorías”, dixo Balseiro.
Noutra orde de cousas, Balseiro indicou que, fronte ao pasado de “parálise, inacción e mesmo retroceso” que caracterizou á lexislatura do bipartito, o PP defende un futuro “claro e libre para impulsar unha acuicultura ambiental e económicamente sostible”. Neste contexto enmarcou a Estratexia Galega de Acuicultura na que xa está a traballar a Xunta e que será a “folla de ruta capaz de impulsar esta actividade industrial en todos os ámbitos, incluidas a I+D+i, a formación, a comercialización ou o financiamento”.
O voceiro do Mar do Grupo Popular salientou finalmente que Galicia será a primeira rexión costeira europea en contar cunha estratexia integral para a acuicultura antes incluso do 2014, data proposta pola UE na reforma da Política Común de Pesca para que todos os estados membros desenvolvan planes estratéxicos plurianuais sobre acuicultura. En definitiva, concluíu Balseiro, “os responsables autonómicos actuais están a sentar as bases para que Galicia recupere o liderado mundial da industria acuícola que perdemos, por mala xestión e pouco interese, durante a lexislatura do bipartito”.