Partido Popular de Lugo

Feijóo: “Nada está gañado para o Partido Popular e nada está perdido para España”

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2011.- O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que “nada está gañado para o Partido Popular e nada está perdido para España” e indicou que os populares non se poñen límites electorais e aspiran a mellorar nas catro provincias pero, sobre todo, non se poñen límites para que poida mellorar o noso país. 

Tras realizar a fotografía xunto con Alfonso Rueda e cos candidatos do PPdeG ás listas do Congreso e do Senado, Feijóo afirmaba que o actual Goberno central deixa un país con cinco millóns de parados, cun alto déficit, co copago das pensións, co Estado do Benestar ao borde da quebra e sen aproveitar a bonanza para facer o AVE galego que terá que pagar na súa totalidade o seguinte Goberno. 

Con respecto a isto, asegurou que ese é o testigo que van recoller os que hoxe se presentaban no Multiusos do Sar en Santiago. 

A UNIDADE DO PP FRONTE Á DESUNIÓN DO PSOE.-  En relación a isto, o dirixente popular aseguraba que o dos populares é un equipo unido que se presenta no peor momento e conscientes de que recibirán a peor das herdanzas pero coa maior das ilusións e aunando a experiencia, renovación e o esforzo que representan as súas candidaturas. 

Fronte a esta unidade, Feijóo contrapuxo os problemas internos do PSOE. Nesta liña, indicou que mentres todo partido sabe que os problemas que os deben ocupar son os dos cidadáns, os socialistas só se ocupan dos que se xeran no seo do seu partido; mentres uns presentan as candidaturas dos abandonos, os populares cren que non é o momento de apartarse dos problemas e mentres que outros cren que cambiando de cartel, renegando do que fixeron e escondendo as súas siglas os cidadáns se esquecen do vivido, os populares móstranse cos seus principios para poñelos ao servizo da sociedade. 

Con respecto a isto, Feijóo dixo que ao igual que cría que cando hai catro anos o PSOE se equivocou presentándose co slogan do “Pleno Emprego”, agora tiña que dicir que acertaron co seu novo slogan “pelexa polo que queres”, porque reflicte exactamente a situación interna de enfrontamento do seu partido en Galicia e en España. 

AS LISTAS DO PPdeG.- Por outra banda, o líder do PPdeG asegurou que, a partir do 20-N, os galegos non só estarán no Goberno senón tamén na Presidencia do mesmo a través de Mariano Rajoy Feijóo. Nesta liña, subliñou que os populares galegos non só presentan catro listas no Congreso e no Senado para as catro provincias galegas, catro cabezas de lista ao Congreso e catro ao Senado senón tamén  un candidato á Presidencia do Goberno. 

Nesta liña, indicou que o feito de que Galicia poida ter un presidente do Goberno galego é unha oportunidade que non podemos deixar de aproveitar. 

Trátase, segundo o líder do PPdeG, da oportunidade do sentido común, dun programa realista que nacerá en Galicia posto que será presentado o vindeiro día 31 na Comunidade; en contraposición cun programa que hai catro anos negaba a crise. Así mesmo, é tamén a oportunidade de que se apoie aos emprendedores e de que se restableza a confianza e é a oportunidade dunha política económica que permita iniciar proxectos e mantelos e, á vez, que asegure a política social. E é, en definitiva, a oportunidade do cambio.