Santiago, 22 de outubro de 2011.- O deputado popular Dámaso López Rodríguez López fixo unha primeira valoración das contas autonómicas para 2012 subliñando que a través delas a Xunta garante o impulso ás grandes infraestruturas estratéxicas de transporte e comunicación da Zona Sur lucense. O parlamentario subliñou que o groxo dos investimentos que o Goberno galego prevé executar o ano próximo teñen por obxecto rematar as grandes obras públicas en execución “blindando o seu investimento”.
CORREDOR SARRIA-MONFORTE: VERTEBRACIÓN.- De xeito especial destacou os case 20 millóns de euros que a Xunta achegará –a través da Axencia Galega de Infraestruturas- na vía de alta capacidade que unirá Sarria e Monforte. Este corredor “vital para a vertebración e comunicación do conxunto dos concellos da Zona Sur” actualmente ten en execución os tramos máis complexos desde o punto de vista técnico –os viadutos-. O deputado popular subliñou que con este investimento ademais de contribuír a que o sur lucense estea proximamente mellor comunicado, ten grande importancia desde o punto de vista económico e na xeración de emprego asociado a esta colosal obra pública.
APOSTA ESTRATÉXICA: PORTO SECO.- Outra das apostas estratéxicas do Executivo galego é o desenvolvemento do Porto Seco de Monforte. Dámaso López lembrou que fixo falla que o PP accedera á responsabilidade de goberno na Xunta para “recuperar e impulsar” un proxecto “esquecido por completo polo bipartito”. Nesta liña salientou as achegas por valor de 2,9 millóns de euros aos que hai que engadir 788.000 euros máis para a urbanización dos seus accesos. Significou ademais a importancia desta contribución da Xunta nun contexto nada favorable de axustes orzamentarios. Con todo, o Goberno galego é consciente do moito que pode supoñer o Porto seco para xerar condicións e actividade económica claves no combate da actual crise. Neste mesmo contexto salientou o medio millón de euros destinado ao desenvolvemento de solo industrial no polígono de Taboada.
OBRAS HIDRÁULICAS.- Dámaso López Rodríguez tamén quixo facer unha mención especial as obras en materia de mellora do sistema de abastecemento público, reflectidas nos 1,2 millóns de euros que permitirán ampliar a Etap de Monforte –practicamente contar cunha nova potabilizadora-. Medio millón máis ten previsto destinar Augas de Galicia para promover diversas melloras hidráulicas en Sarria.
NOVOS CENTROS DE SÁUDE.- Os axustes orzamentarios non son obstáculo para seguir apostando pola sanidade pública e, máis en concreto pola creación de novos centros de saúde como é o caso dos previstos nos concellos de Monterroso e As Nogais. O Goberno galego prioriza deste xeito novas dotacións no ámbito da asistencia máis próxima aos cidadáns, a atención primaria.
ESFORZO ESIXENTE EN TEMPOS DE CRISE.- O deputado popular lembrou que todo este esforzo orzamentario está a desenvolverse dentro dun contexto de crise e axustes económicos que non cómpre esquecer e polo tanto, estes grandes investimentos evidencian unha aposta decidida do Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo polo reequilibrio territorial. Na súa opinión a Zona Sur lucense segue a ser un dos espazos de interese preferente para a Xunta quen pretende a través destas achegas e dos números positivos contribuír a súa mellora e potenciar o seu desenvolvemento.