Partido Popular de Lugo

OS DEPUTADOS POPULARES SALIENTAN QUE OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA A MARIÑA VOLVEN A INCREMENTARSE PESE AO CONTEXTO XERAL DE CRISE E RESTRICCIÓNS

Santiago, 20 de outubro de 2011.- Os deputados autonómicos Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao fixeron hoxe unha valoración de urxencia das contas autonómicas para o ano 2012. Os parlamentarios populares salientaron que os orzamentos da Xunta para A Mariña volven a incrementarse pese ao contexto xeral de crise e as restriccións presupostarias.

A Mariña lucense recibirá o ano próximo 35,7 millóns de euros procedentes de distintas consellerías e organismos autonómicos en partidas destinadas para obras ou servizos determinados nos distintos concellos da nosa comarca, unha cifra un 21% superior á do ano 2011 (que foi de 29,5 millóns de euros). Os deputados populares salientan ademais que a nosa comarca estará especialmente beneficiada polas contas autonómicas, xa que mentres que na Mariña lucense crece o investimento da Xunta no cómputo global de Galicia descende.

Finalmente os parlamentarios do PP significaron un dato que dá boa mostra do compromiso crecente do actual Goberno galego coa Mariña e a súa intención de converter a nosa nunha das comarcas de investimento prioritario no conxunto de Galicia. Isto é así porque a cifra dos orzamentos para 2012 é máis do doble da prevista no ano 2009, último presuposto elaborado polo goberno bipartito de socialistas e nacionalistas. “Co PP gaña A Mariña”, afirmaron.