Santiago, 20 de outubro de 2011.- O Parlamento de Galicia aprobou no día de hoxe unha iniciativa na que se lle require a Xunta de Galicia a dirixirse ao Concello de Viveiro para que non demore máis a solicitude dunha área de rehabilitación integral (ARI) para o barrio do Celeiriño. A través desta figura xurídica –o ARI- os veciños poderían obter axudas para o arranxo dos danos que presentan as súas viviendas tras o derrube. O ARI posibilitaría a maiores a achega de fondos tanto autonómicos como estatais para obras de urbanización e reurbanización do barrio, no exterior das vivendas. Pese a ter transcorrido preto de tres anos desde que aconteceron os feitos, os veciños cuxas vivendas foron afectadas seguen á espera de obter estas axudas. A solicitude formal do ARI corresponde en exclusiva ao Concello de Viveiro e despois será a Xunta quen a tramite. Neste punto Balseiro lembrou xa que o propio director xeral do Instituto Galego de Vivenda, Jose Boné adiantou a postura totalmente favorable da Xunta a colaborar e achegar as axudas correspondentes unha vez solicitada a área de rehabilitación integral.
DECLARACIÓN DE EMERXENCIA.- Na súa quenda de intervención o deputado popular lamentou que PSOE e BNG pretendan continuar co engaño aos veciños deste barrio. Tanto socialistas como nacionalistas defenderon as axudas comprometidas pola Xunta bipartita na declaración de emerxencia iso a pesar de que a fórmula empregada para outorgar as mesmas (cédula de rehabilitación) é inaplicable na práctica e inviable xurídicamente posto que só poden destinarse a centros históricos e núcleos rurais, e ningunha destas características as cumpre o barrio do Celeiriño. Balseiro lembrou que pese a ser advertido deste erro en múltiples ocasións o Concello fixo caso omiso, e por riba está a negarse a solicitar a declaración de ARI, demorando a solución.
RECLAMACIÓN XUDICIAL.- Por outra banda, Balseiro Orol insistiu en que o Alcalde terá que explicar como é posible que aínda non teñan efectuado formalmente a reclamación xudicial dos danos –ata o momento a Xunta non ten constancia disto- pese a que existe un acordo plenario unánime que lle obriga a facelo e que data do ano 2009. Balseiro sospeita que detrás deste atraso está o medo da Alcaldía a que a licenza outorgada á obra causante dos estragos sexa irregular coas consecuentes que isto pode ter. O acordo parlamentario acadado no día de hoxe tamén esixe ao Concello a que inice esta reclamación xudicial sen máis dilacións. Balseiro lembrou ademais que xa hai sentencias favorables en procedementos iniciados por particulares.
EMENDA SOCIALISTA.- Finalmente o deputado popular acusou ás forzas do bipartito de pretender seguir dilatando no tempo –pese a ter transcorrido máis de tres anos- a solución á que teñen dereito os veciños deste barrio. Lamentou que o BNG asegurara que xa se están a levar a cabo obras nas rúas –omitindo as críticas e a situación de abandono que sufren os veciños: cheiros dos sumidoiros, peche de rúas, limitado acceso de ambulancias,…-. Balseiro Orol tamén considerou incomprensible a emenda socialista na que instaba á Xunta a elaborar novos informes sobre os danos nas vivendas xa que, tres anos despois de acontecidos estes feitos, o Concello de Viveiro xa os tería que ter feitos.