Partido Popular de Lugo

Lourenzá acolleu hoxe un taller de emprego no que se asentaron as pautas na procura de traballo

Lourenzá 15-10-2011. A psicóloga Cándida Rodríguez Ferro impartiu esta mañá en Lourenzá un taller de emprendemento e procura de emprego no que participaron máis de medio centenar de mozos. Durante o acto organizado por Novas Xeracións da provincia de Lugo, a psicóloga explicoulle á xuventude como afrontar unha entrevista de traballo ou como elaborar un currículo vitae. O taller de emprendemento e procura de emprego tamén se centrou noutra serie de cuestións de gran importancia á hora de buscar traballo. Entre  os aspectos nos que se fixo incidencia durante a charla informativa estiveron o coñecemento das calidades emprendedoras, as fontes de emprego ou o poder da imaxe.

Neste segundo taller de emprendemento e procura de emprego organizado por Novas Xeracións, xa que ven de celebrarse outro en Vigo, estiveron presentes representantes da agrupación político xuvenil, entre eles, o secretario xeral de Novas Xeracións de Galicia, Juan Francisco López Prieto e o presidente provincial da agrupación, Daniel Vega.  Tamén se desprazaron ata Lourenzá o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro; o candidato ao Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo, Joaquín García Díez; o secretario do Parlamento, Jose Manuel Balseiro; e a deputada parlamentaria, Emma Álvarez Chao. Tampouco faltaron o rexedor de Lourenzá, Vidal Martíñez-Sierra, e o seu homónimo en Foz, Javier Castiñeira.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado felicitou a iniciativa de  “marcarse xornadas de emprendemento, un dos eixes estratéxicos do Plan Xuventude 2013”. Ovidio Rodeiro tamén fixo fincapé na participación xuvenil, a que cualificou de “moi importante”. Dentro deste ámbito, o popular destacou o programa Iniciativa Xove.

O presidente provincial de Novas Xeracións da provincia manifestou o seu “orgullo” de dirixir “unha formación tan activa como Novas Xeracións”.  Así, lembrou que “interesanos o emprego, imprescindible para propoñernos un proxecto de vida”. Vega pediu un goberno de cambio, tal e como “aconteceu no 1996”.

O secretario rexional da agrupación fixo referencia ao foro de emprendedores que se ven de celebrar en Vigo, onde “se asentaron as fórmulas para crear unha empresa, e hoxe en Lourenzá déronse as pautas para intentar conseguir un emprego”. Segundo López Prieto “ao programa deseñado por Novas Xeracións preocúpalle o emprego e presenta medidas en torno a el”. De igual maneira, pediu un goberno de “reformas, non de recortes”.

Por último, o candidato ao Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo intentou sementar “a esperanza no medio da desilusión”. Segundo García Díez “as cifras son dramáticas, pero hai oportunidades” e animou aos xóvenes a “buscalas e educar a mentalidade e a cultura do emprendedor”.