Partido Popular de Lugo

O PPDEG IMPULSA NO PARLAMENTO DECLARAR 2012 COMO O ANO DE CELSO EMILIO FERREIRO PARA CONMEMORAR O CENTENARIO DO SEU NACEMENTO

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2011.-  O Parlamento galego aprobou, na sesión plenaria de hoxe, unha iniciativa do PPdeG encamiñada a instar á Xunta de Galicia a declarar o vindeiro ano 2012 Ano de Celso Emilio Ferreiro, acompañando a declaración con actuacións de promoción e difusión da súa obra literaria e buscando a implicación das diferentes institucións públicas e culturais a fin de conmemorar o centenario do seu nacemento.

O deputado popular Agustín Baamonde Díaz, encargado da defensa da iniciativa, eloxiou a figura do “bó e xeneroso” considerándoo como un dos poetas galegos  máis influíntes do século pasado “cunha poesía directa e evocadora que lle sirve de altofalante para denunciar a desigualdade social e a inxustiza en calquera das súas caras ” ademáis de ser un humanista e comprometido socialmente coa realidade e a defensa dos intereses de Galicia.

Agustín Baamonde lamentou, trala intervención dos grupos da oposición, que  “traten sempre de apropiarse dos símbolos que pertencen a todos os galegos e que merecen altura de miras e non liortas interesadas”. “O que precisamos  son decisións unánimes para honrar a memoria e a historia do autor da “Longa noite de pedra” que era capaz de abrir posibilidades á esperanza no seu compromiso coa nosa terra e os nosos intereses polo que honralo a él e como honrarnos a nós mesmos” indicou o deputado popular. A iniciativa acadou o consenso da Cámara e se aprobou por unanimidade de todos os grupos parlamentarios.