Santiago, 11 de outubro de 2011.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular Jose Manuel Balseiro Orol considerou “insólito e absurdo que o Bloque Nacionalista Galego propoña negar aos veciños de Barreiros, aos compradores de boa fe e aos futuros propietarios das vivendas deste concello da posibilidade de dispoñer de novos servizos urbanos e infraestruturas”. En consecuencia, os votos en contra dos parlamentarios do Grupo Popular serviron para rexeitar a proposta do BNG –debatida na mañá de hoxe no Pleno do Parlamento- e coa que os nacionalistas pretendían deixar sen efecto o convenio de infraestruturas que se levará adiante nesta localidade lucense.
O parlamentario popular quixo salientar que a base deste convenio nace precisamente da colaboración entre distintas administracións “de cor política variable”, como son a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Barreiros. O deputado lembrou que todas elas coinciden “na necesidade de poñer fin ao bloqueo urbanístico de Barreiros” e que o convenio ten como único obxecto dotar de equipamentos de abastecemento de auga potable, saneamento e novas redes viarias aos catro núcleos urbanos principais deste concello, e así garantir, polo tanto, a suficiencia destes servizos públicos.
O BNG COMO PROBLEMA PARA OS SEUS VECIÑOS.- Na súa intervención, Balseiro Orol cualificou de “moi positivo” o esforzo que está a desenvolver o novo Goberno galego “para dar solucións e dotar de servizos alí onde outros –en referencia ao Bipartito- tan só ofreceron problemas, parálise e desemprego”. O deputado popular sinalou directamente ao BNG como a formación política “que máis dano fixo aos veciños de Barreiros” e lembrou que foron os nacionalistas quen no pasado “bloquearon as obras, denunciando por carta aos seus propios veciños, os que agora pretenden negarlles unha solución e os que no futuro pretenden privarlles de máis de 14,1 millóns de euros en investimentos”.
O deputado do Grupo Popular insistiu en enmarcar o bloqueo urbanístico de Barreiros, decidido no seu día pola Xunta bipartita, como unha decisión “estritamente política e motivada por razóns de persecución ideolóxica”. De feito, Jose Manuel Balseiro remarcou que ao Bipartito “o que menos lle importaba era o desenvolvemento ordenado e sustentable da construción”, pois tan só actuaron “porque alí había un alcalde do PP e podía servirlles de cabeza de turco e de cortina de fume para disimular os desatinos urbanísticos que socialistas e nacionalistas estaban a cometer en concellos veciños como os de Foz, Viveiro ou Ribadeo”. O deputado popular significou que mentres que en Viveiro había licenzas urbanísticas outorgadas con informes técnicos desfavorables, en Barreiros non acontecía esto, e pese a iso se impugnaron.
EMPRAZAMENTO AO PSOE.- Jose Manuel Balseiro lembrou tamén o “dobre raseiro” da Xunta bipartita que daquela “acosaba” ao Concello de Barreiros onde a normativa urbanística permitía 2 ou 3 alturas, mentres que “pechaba os ollos en Foz, un concello veciño, separado a menos de 200 metros pola ría” e no que se estaban a dar ata 5 alturas. Lembrou tamén que os informes nos que se basearon gran parte das impugnacións das licenzas de construción de Barreiros foron elaborados en base a fotografías e mapas, sen que os técnicos visitaran o terreo.
Finalmente, o deputado popular quixo facer un chamamento a nacionalistas e socialistas para que rectifiquen na súa estratexia “criminalizadora contra Barreiros” e animoulles a sumarse “ao consenso que implica o convenio de infraestruturas e servizos” posto que o seu resultado será moi positivo para os veciños de Barreiros. No caso concreto do discurso belixerante que o PSOE mantén en Santiago contra o convenio, emprazoulles a que falaran cos seus compañeiros socialistas na Deputación de Lugo, “que non só asinaron o convenio, senon que ademais achegarán fondos para a súa execución”. “Falen vostedes con esta outra parte do PSOE que si está disposto a solucionar o problema que vostedes provocaron desde a Xunta bipartita e seguro os convencerá das bondades deste convenio”, puntualizou.