Partido Popular de Lugo

EMMA ÁLVAREZ CUALIFICA DE “INTOLERABLE” QUE OS SOCIALISTAS RECURRAN AO TRÁXICO SUCESO DO DOMINGO EN MONTERREI PARA CRITICAR O OPERATIVO CONTRA INCENDIOS

Santiago, 7 de outubro de 2011.- A voceira do Medio Rural do Grupo Parlamentario Popular, Emma Álvarez, cualificou hoxe de “intolerable” que os socialistas galegos recurran ao tráxico sinistro ocorrido o pasado domingo en Monterrei para criticar o operativo de loita contra os incendios forestais, “xa que carecen de argumentos válidos para desprestixiar o despregue de medios feito este ano pola Xunta, que conseguiu que a superficie quemada se quedara na metade da media dos últimos dez anos”. Así mesmo, recordou que “a investigación sobre este suceso corre a cargo da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil, dependente do Ministerio de Fomento, con quen está a colaborar a Consellería do Medio Rural e imaxinamos que os socialistas non porán en dúbida o rigor deste órgano colexiado”.

Emma Álvarez sinalou que “nestes momentos é preciso manter un mínimo de prudencia sobre o accidente da avioneta de loita contra os incendios forestais acontecido o pasado domingo en Monterrei, xa que non hai unha conclusión e estase realizando unha investigación rigorosa sobre as súas causas por parte dos técnicos do Ministerio de Fomento”.

FALAR POR FALAR.- “Neste caso especialmente, os socialistas galegos deberían deixar á marxe as súas habituais maneiras de facer política rastreira, por un respecto á familia do piloto falecido e para deixar traballar con tranquilidade aos técnicos que están a investigar este doloroso suceso”, sinalou a voceira popular. Así mesmo, engadiu que “o PSOE perdeu o norte e de forma rastreira está utilizando unha vida humana perdida por unha actividade delictiva, sobre a que curiosamente o máximo responsable da Xustiza en España, e compañeiro de partido, non é capaz de facer actuar aos xulgados”.

A deputada apuntou que “polos datos que apuntan os socialistas queda claro que o seú único obxectivo é falar por falar para saír nos medios de comunicación, pero realmente o que están amosando é unha irresponsabilidade absoluta e falta de coñecemento sobre o despregue do servizo de loita contra os incendios forestais levado a cabo pola Consellería do Medio Rural este ano”.

MÁIS EFECTIVOS QUE NOUTROS ANOS.- “Deberían darse conta, e senón pedir a información oportuna, que á altura que estamos da tempada o número de efectivos é moi superior con respecto ao mesmo momento en anos anteriores, como consecuencia das especiais condicións meteorolóxicas que estamos a vivir e que provocaron que durante o pasado fin de semana se rexistraran 170 incendios nos montes galegos”, indicou. Neste sentido, apuntou que “trátase dunha cifra que estatísticamente é imposible por causas accidentais, o que amosa que a maior parte destes incendios son intencionados”.

Emma Álvarez subliñou, con respecto ás persoas que forman parte deste operativo, que “a Xunta de Galicia está a cumprir estritamente a lexislación laboral” e recordou que o Goberno galego “contrata un servizo integrado por persoal cunha profesionalidade plenamente demostrada, como é o caso do piloto falecido, Íñigo Zubiaga, que contaba con máis de 3.700 horas de voo e participara en oito campañas de extinción de incendios”.