Partido Popular de Lugo

Besteiro admite que o Lugo Emprega foi concevido como reclamo electoral

Lugo, a 27 de setembro de 2011.- A explicación dada hoxe no pleno polo presidente da Deputación ante a pregunta formulada polo Grupo provincial do Partido Popular na que se interesaba polo futuro dos traballadores adscritos ó Lugo Emprega non deixa marxe de dúbida sobre o feito de que o plan púxose en marcha única e exclusivamente por interese partidista.

Para os populares que José Ramón Gómez Besteiro admitira sen ningún rubor que a Deputación non contempla a posibilidade de darlle continuidade a esta iniciativa e que se restrinxirá ós seis meses de vixencia establecidos refrenda as críticas que fuxeron no seu momento. O Lugo Emprega era só un parche que tiña como obxectivo servir de reclamo con vistas á celebración das eleccións municipais e, de paso, colocar ós amigos.

En ningún momento houbo intención, aseguran dende o GPPP, de establecer actuacións de promoción e creación de emprego estable e de calidade. Adicáronse, pola contra, fondos públicos con fins partidistas e, a maiores, fíxose vulnerando a autonomía dos concellos.

Resulta máis chocante aínda, por non dicir ofensivo, que Gómez Besteiro faga agora alusións a que os concellos poden contratar  directamente a traballadores. O cambio de criterio é, ó entender dos populares, bochornoso, posto que apela á autonomía municipal que negou durante a posta en marcha do Lugo Emprega e faino, ademais, cando sabe que a situación financieira dos municipios, sobre todo os de menor tamaño, é, cando menos, extremadamente delicada. Ironizan os populares con que quizáis fixo esta recomendación sabedor de que boa parte das persoas adscritas a este plan de emprego son dende o pasado 22-M concelleiros do Partido Socialista e non precisan, por tanto, un plan de emprego destas características.

En opinión dos populares está claro que os socialistas, en connivencia necesaria cos nacionalistas, empregan a Deputación co único obxectivo de acadar rédito electoral, sen importarlle o máis mínimo os intereses e  o futuro dos lucenses nin a provincia no seu conxunto.