Lugo, a 21 de setembro de 2011.- O Partido Popular de Lugo continuará o vindeiro sábado o seu calendario de reunións comarcais preparatorias da vindeira cita electoral do 20-N. A cita será en Guitiriz, e a ela están convocados os alcaldes e concelleiros de toda a comarca da Terra Chá, así como os de Abadín e A Pastoriza.
O encontro, no que tamén participarán, entre outros cargos orgánicos de partido, o presidente provincial José Manuel Barreiro e o secretario xeral José Manuel Balseiro, ten como obxectivo, ademais de ir perfilando as actuacións que se desenvolverán durante a próxima campaña, servir de foro de reflexión e intercambio de ideas e impresións entre os representantes populares nos concellos, sobre todo entre aqueles que, tras a importante renovación levada a cabo nas pasados comicios locais, estreanse neste lexislatura como cargos electos.
Este calendario de reunións comarcais, iniciado o pasado mes de agosto co da comarca da Mariña, continuará a vindeira semana con outro previsto para a zona da Montaña.