Santiago, 16 de setembro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, rexistrou unha pregunta na Cámara galega interesándose polo secuestro do petroleiro Mattheos I, acontecido o pasado mércores en augas do golfo de Guinea. O deputado popular quere coñecer a información da que dispón a Xunta de Galicia respecto destes feitos, así como a valoración que o goberno galego fai da reiteración deste tipo de acontecementos nos últimos anos.
Jose Manuel Balseiro explica que segundo a información coñecida ata o momento, entre a tripulación deste buque poderían atoparse ata tres mariñeiros galegos, de entre os cinco españoles embarcados. A eles e aos seus familiares quere transmitirlles a total solidariedade e apoio nestes momentos, á vez que o desexo de que este episodio poida resolverse pronto e satisfactoriamente.
Con todo, o voceiro do Mar dos popualres galegos alerta e lamenta que os secuestros e os roubos de buques en augas africanas estean en ascenso e en plena expansión xeográfica, tal e como demostran este tipo de feitos, e reclama, en consecuencia, que o Goberno estatal, como administración competente, adopte as medidas que sexan necesarias para evitalos. “Á luz do acontecido parece evidente que o fenómeno da piratería está crecendo de forma alarmante no golfo de Guinea pese a que, ata o momento, este tipo de episodios eran máis frecuentes fronte ás augas de Somalia ou Nixeria”-explica Balseiro.
O deputado popular está convencido de que “algo está fallando” para que noticias como esta se estean a converter en habituais e lembra, nese senso, que esta é a cuarta ocasión na que mariñeiros españois e galegos sofren estas eventualidades nos últimos anos. “Dous destes secuestros afectaron a atuneiros vascos e o terceiro a un barco de bandeira mozambiqueña”- lembrou Balseiro.
Non é a primeira vez que o voceiro do Mar dos populares galegos insiste na necesidade e poñer en marcha métodos máis eficientes para garantir a seguridade das tripulacións e buques. Xa o fixo cando aconteceron os secuestros do atuneiro Alakrana ou do pesqueiro Vega 5. Ao xuizo de Balseiro “polo de agora non parecen ter o éxito esperado as medidas promovidas polo Goberno de España –incluso no ámbito da cooperación internacional- e cómpre lembrar que, pese a iso, o Executivo central ten a obriga de garantir a seguridade e integridade física dos tripulantes españois en augas internacionais”.