Partido Popular de Lugo

Barreiro: “está constatado que mancomunar servizos dá bos resultados”

Lugo, a 16 de setembro de 2011.- O voceiro do Grupo provincial do Partido Popular avogou por mancomunar servizos como “alternativa eficaz” para que os concellos, “sobre todo os de menor tamaño”,  aforren.

José Manuel Barreiro asegurou hoxe que os concellos apoian esta posibilidade “porque permítelles manter servizos e reducir custos” e recalcou que mesmo a Xunta “está nesta liña”, xa que vén de anunciar que priorizará a concesión de axudas que sexan solicitadas de xeito conxunto polos municipios.

“Tendo presente as penurias económicas polas que están a pasar as administracións locais, e asumindo que os servizos básicos son irrenunciables, case todos coincidimos en que as mancomunidades son unha boa opción. Uns poucos optan por non facer nada, aínda que dirixan institucións que deberían liderar este tipo de procesos,  antepoñendo así o interese partidista sobre o xeral ”, dixo. 

Neste senso, Barreiro reprochou á administración provincial “a súa inacción”, ó tempo que lembrou que o Partido Popular incluía no seu programa de goberno para a Deputación a potenciación deste tipo de asociacións supramunicipais “para axudar ós concellos e optimizar recursos”.

Salientou asimesmo que as experiencias desta índole que xa se están a desenvolver na provincia están a dar bos resultados. Así, puxo de exemplo ós concellos de Barreiros, Lourenzá e Trabada, que mancomunaron a recollida do lixo ou o feito de que Barreiros e Lourenzá teñan un acordo polo que comparten maquinaria de propiedade municipal e incluso a propia mancomunidade da Mariña, que, entre outras iniciativas, pemitirá poñer en marcha un proxecto de promoción turística conxunto. “Todas son ventaxas”, concluiu, “aínda que algúns non quieran recoñecelas”.

REHABILITACIÓN.- José Manuel Barreiro puxo de exemplo concellos da Mariña porque esta mañá mantivo unha xuntanza cos deputados provinciais Elena Candia e José María Gómez, á que tamén asistiu unha concelleira de Barreiros, para interesarse polo desenvolvemento dalgúns proxectos pendentes no municipio barreirense. Un dos que centrou a súa atención foi o arranxo dos Colexios Vellos. Un edificio indiano, agora de propiedade municipal, que para que se inicie a súa rehabilitación o Concello está á espera de asinar un convenio coa Deputación para o que, de feito, a propia administración provincial xa redactou un proxecto.

A este respecto, os populares lembraron que o actual vicepresidente primeiro da Deputación Antonio Veiga xa comprometera “hai más de catro anos, antes incluso da celebración das eleccións municipais de 2007”, axuda económica desta institución para a execución das obras. 

“Pasou moito tempo pero o Sr Veiga, a golpe de excusas, aínda non cumpriu o seu compromiso. Agardamos que agora que ascendeu a vicepresidente si o faga”, explicaron.