Lugo, 15 de setembro de 2011.- A Comisión de Asuntos Sociais do Partido Popular retomou esta tarde a actividade do curso político. Na xuntanza, que se celebrou na sede do Partido Popular, participaron distintos cargos políticos da provincia relacionados co ámbito do Benestar e Asuntos Sociais como Manuela López Besteiro.
O Presidente Provincial, José Manuel Barreiro, explicou que “nestes momentos de dificultades é imprescindible seguir garantindo servizos esenciais relacionados co benestar das persoas” e, nese senso, anunciou que dende o Partido Popular se dará “un maior peso a estas cuestións sen esquencer a colaboración estreita e directa coas asociacións que traballan no eido da dependencia como os colectivos de persoas con discapacidade”.
Durante este encontro da Comisión de Asuntos Sociais dos populares tamén se debatiu o papel que xogan os concellos en materia social e se apuntaron os beneficios de coordinar servizos entre concellos co obxectivo de mellorar a atención aos usuarios.
Cercanía.- Outro punto que se acordou esta tarde é potenciar e canalizar dende os grupos municipais da provincia todas as preocupacións e problemáticas que viven en primeira persoa os veciños e veciñas “o político ten que visualizar a realidade social para poder dar solucións concretas e a curto a prazo ás necesidade do día a día”.
Foro de Benestar.- Por último a Presidenta da Comisión, María Luisa Macía, avanzou que comezou o traballo na preparación do Foro de Benestar “trátase dun órgano de debate e participación aberta no que estarán concelleiros, educadores, traballadores sociais, presidentes de asociacións relacionadas co ámbito do Benestar Social. Neste foro búscase consensuar accións e propostas encamiñadas a mellorar a calidade da atención no eido social”.