Santiago, 8 de setembro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou hoxe a nacionalistas e socialistas que só nas dúas últimas anualidades a Consellería do Mar destinou máis de 400.000 euros a confrarías e agrupacións de mariscadoras en concepto de sementeiras. Asegurou, polo tanto, que o Goberno galego está a desenvolver un grande esforzo en materia de fomento da produción e subministración de semente de moluscos bivalvos dirixidos ao impulso da actividade marisqueira. Nesta liña tamén siñalou a capacidade de produción que no último trienio efectuou só a planta de semente de Camariñas, con máis de 12 millóns de unidades de ameixa xaponesa, case 9 millóns de unidades de ameixa babosa e 116.100 de ameixa fina.
O deputado tamén quixo lembrar os esforzos en materia de investigación científica que neste ámbito desenvolven tanto Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) como o Instituto Galego de Formacion en Acuicultura (IGAFA) –ambos organismos dependentes da Consellería do Mar- e explicou que, entre outros, moitos destes estudos están dirixidos á mellora xenética e á garantía da xenética galega da semente producida.
Jose Manuel Balseiro considerou desacertadas as peticións feitas polos grupos da oposición a través de sendas iniciativas debatidas hoxe na Comisión de Pesca e Marisqueo, posto que xa se están a executar desde fai tempo todos os proxectos anteriormente explicados. Salientou tamén que as forzas do bipartito parecen descoñecer coas súas peticións que, a diferencia da pasividade amosada polos responsables de Pesca e Marisqueo na lexislatura anterior –incapaces de poñer en marcha un só minicriadoiro distintos dos promovidos polo PP-, o novo goberno galego promoveu un ambicioso plan de rexeneración de zonas improdutivas, que establece investimentos millonarios para a recuperación destes espazos, incluído o uso de semente de bivalvos.
BALIZAMENTOS REFLECTANTES.- A Comisión de Pesca e Marisqueo tamén debateu sobre a nova normativa autonómica contida no denominado popularmente como “decreto de artes” e, en concreto, respecto das condicións de balizamento. Os populares defenderon que a normativa galega reflicte o establecido na lexislación estatal e europea, “desde a posición máis flexible e menos esixente” e, en todo caso, sinalan que as novidades respecto dos reflectantes nas boias están dirixidas a mellorar as condicións de seguridade de tal xeito que estas queden balizadas, indentificadas e sexan vixibles tanto de día como de noite.
Jose Manuel Balserio salientou que a Consellería do Mar xa deu mostras de disposición de consenso na elaboración desta normativa, e así por exemplo explicou que a Xunta asumiu como propia as peticións do Consello Galego de Pesca nas que pedía que neste artigo desaparecera toda referencia á dispositivos de luz ou bandeiras e mastos.
O deputado popular aclarou, fronte ás críticas do PSOE, que foron consultados os profesionais do Servizo de Gardacostas de Galicia (máis en concreto os piltos dos helicópteros Pesca 1 e Pesca 2) e istos sinalaron que os medios que dispoñen –cámaras térmicas e infravermellas- permiten diferenciar con total claridade unha boia dun corpo humano nas operacións de emerxencia que poidan desenvolverse en alta mar.
Balseiro tamén insistiu en que a nova normativa, entre outras, busca evitar que poidan producirse situacións tales como que unha embarcación colla coa súa hélice ou cos seus cabos boais non correctamente balizadas e pouco visibles, e quedar por elo sen goberno preto da costa e co risco de impacto coas rochas do litoral, quizá a situación máis perigosa que pode darse no mar, como saben os profesionais do ámbito pesqueiro.