Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR SALIENTA E RECOÑECE A IMPORTANCIA DAS TAREFAS QUE DESEMPEÑAN OS GARDAPESCAS NA LOITA CONTRA O FURTIVISMO

Santiago, 8 de setembro de 2011.- O Grupo Parlamentario Popular salientou e recoñeceu no día de hoxe a importancia das tarefas que desempeñan os gardapescas na loita contra o furtivismo e, polo tanto, a súa valiosa contribución á protección e perservación dos recursos pesqueiros e marisqueiros.

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou que, só no bienio 2010-2011, a Consellería do Mar destinou ao redor de catro millóns de euros para convenios de seguridade e vixilancia en beneficio de confrarías e agrupacións de produtores. Unha cantidade que cualificou como moi salientable, sobre todo en tempos de crise, e dirixida á contratación destes gardapescas e vixiantes.

MÁIS COORDINACIÓN.- Balseiro Orol tamén explicou que Xunta e Partido Popular defenden que a mellora deste colectivo pasa por incrementar a colaboración e coordinación co Servizo de Gardacostas de Galicia e coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, “algo que a Consellería do Mar recuperou e xa se está a facer, tal e como reflicten a diario os medios de comunicación, e  actuación que, cómpre lembralo, o bipartito rexeitou durante o seu  mandato”.

Os populares tamén defenderon os pasos que está a seguir a Consellería do Mar para mellorar o funcionamento e as tarefas profesionais deste colectivo de gardapescas en contraposición ás críticas efectuadas polos nacionalistas no seo da Comisión de Pesca e Marisqueo celebrada hoxe no Parlamento de Galicia. 

Neste ámbito, Balseiro lembrou as xuntanzas de coordinación que os responsables do Servizo Galego de Gardacostas están a manter  coas confrarías e nas que se buscan solucións prácticas para mellorar a coordinación dos efectivos da Xunta cos gardapescas das distintas confrarías, tales como a coordinación de funcións ou a regulación dos contidos básicos e mínimos que deben conter as actas de denuncia por furtivismo.

Finalmente, os populares sinalaron que para avanzar na dignificación profesional dos gardapescas sería positivo impulsar un cambio na normativa -exclusivamente estatal- que regula as súas funcións. Tamén avogou por un endurecemento das sancións na loita contra a acción dos ilegais que esquilman os produtos pesqueiros, como é o caso de outorgar relevancia penal ao furtivismo recincidente.