Partido Popular de Lugo

BALSEIRO INSTÁ Á XUNTA A DAR CONTINUIDADE Á LIÑA EMPRENDIDA POR PORTOS DE GALICIA EN APOIO AO PEIRAO DE MIRASOL EN RIBADEO

Santiago, 06 de setembro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, defenderá no seo da Comisión de Pesca e Marisqueo prevista para este xoves, 8 de setembro, no Parlamento de Galicia, unha iniciativa -da que é autor- e pola que se lle insta á Xunta a dar continuidade á liña de traballo emprendida por Portos de Galicia en apoio ao peirao ribadense de Mirasol. 

Máis en concreto, o deputado popular pide ao ente público portuario, dependente da Consellería do Mar, que pese ás restriccións orzamentarias imprescindibles nestes tempos de crise, priorice este apoio e manteña os seus esforzos e investimentos de cara a “asegurar, afianzar e, incluso expandir” o volume de tráfico portuario desta dársena comercial lucense.

OFENSIVA DO PARTIDO POPULAR NA XUNTA.- Jose Manuel Balseiro lembra que foi o Partido Popular a primeira forza política  comprometida coa ofensiva en defensa do porto comercial de Ribadeo, que se atopaba amenazado polos proxectos impulsados desde os gobernos socialistas central e asturiano. No seu momento, ambas administracións -en mans do PSOE-, pretendían arrebatar a Mirasol as operacións de transporte de mercancías da empresa papeleira ENCE, e empregar como porto alternativo a dársena do Musel en Xixón, o que suporía un menoscabo económico moi forte para o periao ribadense (xa que da orde do 65% do total da actividade deste porto lucense é de ENCE) e implicaría a perda de moitos postos de traballo. 

A victoria do Partido  Popular en Galicia, e a marcha do Executivo autonómico das forzas do bipartito, que actuaron que deixadez absoluta ao dar por perdida esta batalla, permitiu que os novos xestores de Portos de Galicia fixeran unha ambiciosa oferta a ENCE, que incluía desde obras de melloras nas infraestruturas, ata ofertas nas taxas aplicables ás operacións portuarias….  de tal xeito que acadouse un logro substancial: a multinacional papeleira asinou un convenio coa Xunta e adquiriu o compromiso de manter como base das súas operacións o peirao riabdense de Mirasol.

MIRASOL: INFRAESTRUTURA ESTRATÉXICA.- Coa iniciativa do Grupo Parlamentario Popular se estaría a procurar continuar nesta liña de traballo e cooperación conxunta, e desenvolver as melloras portuarias comprometidas e dirixidas a garantir a actividade no porto de Mirasol ou incluso incrementala no futuro próximo. O esforzo da Xunta estaría máis que xustificado  pois, segundo Jose Manuel Baleiro explica, o porto comercial ribadense é unha “infraestrutura estratéxica” de tal xeito que se constitúe  como un “elemento dinamizador clave da economía e o emprego da área da Mariña Oriental e do conxunto da comarca”.