Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR LOUVA AS TAREFAS DESENVOLVIDAS POLO OPERATIVO DA XUNTA EN APOIO DA FLOTA BONITEIRA E LAMENTA A FALTA DE COMPROMISO DO ESTADO

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, louvou as tarefas desenvolvidas polos medios da Xunta dispostos en apoio das embarcacións que participan na costeira estival do bonito e, nomedamente, quixo felicitar á tripulación do buque Sebastián de Ocampo, do servizo de Gardacostas de Galicia, que na pasada semana evacuou a un mariñeiro enfermo que faenaba nun destes pesqueiros de bandeira española.

O deputado popular lamentou non obstante que non se poda esperar o mesmo nivel de  compromiso e apoio por parte dos medios navais de titularidade estatal xa que, ou están moi lonxe da zona de pesca da maior parte das embarcacións que participan na campaña, ou incluso están en porto desenvolvendo actividades distintas das de apoio á flota.

JUAN DE LA COSA AMARRADO EN PORTO.- Ese é o caso do buque hospital Juan de la Cosa, propiedade do Instituto Social da Mariña (ISM). Os populares denuncian que durante os días 3 e 4 deste mes de agosto, permaneceu en porto participando nunhas xornadas de portas abertas, con ocasión da conmemoración da galerna de 1961. O deputado popular non cuestiona para nada que os medios navais podan participar neste tipo de actos protocolarios, pero lamenta que os responsables do Goberno central prioricen unha xornada de portas abertas á acompañar aos tripulantes que neste momento están en alta mar, participando plenamente na campaña do bonito e que, en calquera momento, poden precisar da súa asistencia.

MÚLTIPLES DEFICIENCIAS NO OPERATIVO ESTATAL.- Jose Manuel Balseiro lembrou que esta non é a primeira vez que o Grupo Parlamentario Popular se ve na obriga da saír á opinión pública para esixirlle ao Estado unha maior implicación en apoio dos profesionais do mar e, moi particularmente, dos mariñeiros que están en plena campaña de pesca deste túnido. Xa alertou no seu momento do atraso na convocatoria da xuntanza na que se decide o operativo loxístico en apoio desta flota -que foi convocado polo Estado semanas despois de iniciada a costeira- e denunciou repetidamente a ausencia do buque hospital e do buque da Armada cada vez que deixaban desprotexidos a estes mariñeiros.

Pola contra as embarcacións de titularidade da Xunta, entre os que se atopa o buque Sebastián de Ocampo e os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, -que participan nas operacións máis próximas á costa- están en todo momento alerta ante calquera incidencia que poida reclamar a súa participación nun operativo de emerxencia.