Santiago, 9 de agosto de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro Orol, defendeu a xestión que está a desenvolver a Consellería do Mar fronte ás críticas da oposición . Destacou o esforzo que vén realizando o departamento que dirixe Rosa Quintana para “xestionar e non subsidiar” para recuperar o emprego e a actividade marisqueira nas zonas C -espazos nos que a normativa europea prohíbe a comercialización de mariscos bivalvos en fresco-, e ante os que o anterior goberno de PSOE e BNG tan só foi capaz de ofrecer o paro forzoso destes traballadores do marisqueo e condenalos ao subsidio permanente.
José Manuel Balseiro lembrou que hoxe non se estaría falando da necesidade da reinstalación de moluscos procedentes das zonas C se cando PSOE e BNG gobernaban Galicia, na anterior lexislatura, fixeran os seus deberes na defensa do sector marisqueiro. Daquela, o bipartito negouse a solicitar -pese ás reiteradas peticións do PP no Parlamento- a moratoria na entrada en vigor desta restrictiva normativa europea sobre marisqueo e a pesar de que a Xunta popular anterior ao bipartito lle deixou toda a tramitación desta petición preparada e lle deu conta da necesidade de levala adiante nas xuntanzas preparatorias do cambio do goberno.
“Está claro que os do bipartito preferiron poñer diñeiro sobre a mesa para comprar a paz social, sen ver que condenaban ao sector marisqueiro a ser subsidiado de por vida, en vez de buscar solucións. Nin sanearon as rías, nin buscaron alternativas, nin defenderon os intereses de Galicia. E agora non ten sentido algún que critiquen aos que buscan solucións”- concluíu Balseiro.
O voceiro popular do Mar lembrou tamén que a Xunta ten por obxecto rematar cunha situación discriminatoria e inxusta, na que uns mariscadores si se estaban a beneficiar dos máis de 58 millóns de euros que se teñen investido en subsidios por zonas C e outros non recibiron ningunha axuda a pesar de non poder mariscar. En definitiva, Balseiro Orol lembrou que se trata agora de apostar por un sistema igualitario para todas as zonas C, recuperando a actividade marisqueira mediante a promoción dun sistema baseado na depuración natural dos marisco.
INSULTOS E DESCALIFICACIÓNS DE SONEIRA.- No tocante ás críticas socialistas, Jose Manuel Balseiro, cualificou como actuación teatral a desenvolvida pola súa homóloga socialista Marisol Soneira, quen, desprovista de argumentos, repite machaconamente as mesmas ideas non exentas de descalificacións impropias dun político e de insultos. Neste sentido sinalou que, precisamente a señora Soneira é a menos indicada para falar da dimisión de ninguén por razón das súas “amistades perigosas, xa que ela debera ter marchado da actividade política fai tempo pola súa complicidade na causa fraudulenta da axente electoral”.
A este respecto, Balseiro ironizou sobre os avances que ten acometido Soneira sinalando que “hai un ano pedia o paredón para a Conselleira, agora só que a cesen”, ao tempo que destacaba o impulso que Rosa Quintana e o seu equipo están a dar na busca de solucións á pésima herdanza recibida da súa antecesora, Carmen Gallego.
Balseiro lembroulle tamén aos socialistas que se queren falar de artefactos flotantes perigosos, debería facer memoria, e lembrar grandes episodios xestionados por gobernos socialistas como foron o caso dos bidóns do Casón e co buque Ostedijk, que os socialistas pasearon pola costa lucense, cargado con 6.000 toneladas de fertilizantes en combustión.