Viveiro, 6 de agosto de 2011.- O Grupo Parlamentario Popular, a través do seu deputado Jose Manuel Balseiro Orol, rexistrou unha iniciativa para o seu debate na Cámara galega na que se esixe ao alcalde de Viveiro, o socialista Melchor Roel, que non demore máis tempo a solución e solicite formalmente a declaración dunha área de rehabilitación integral para o barrio do Celeiriño.
Deste xeito, os veciños cuxas vivendas resultaron afectadas polos danos e derrubes do barrio, que obrigou ao desaloxo do mesmo en febreiro do 2008, poderían reparar por fin as súas vivendas con financiamento da Xunta e do Estado. Ademais a través da figura da área de rehabilitación integral do Celeiriño o propio Concello tería máis fácil dispoñer de axudas para a mellora e reurbanización destes espazos.
Os populares deron a coñecer hoxe que rexistrarán sendas iniciativas no Parlamento- como xa fixeron no Concello- ao considerar que os veciños, tras máis de tres anos de infructuosa espera, teñen dereito a recibir axudas e para iso o Goberno local non pode ser un obstáculo. Lembran ao mesmo tempo que a situación de pendencia está a xerar un lóxico desacougo entre a veciñanza e respecto do futuro das vivendas, do conxunto do barrio, e dos espazos afectados polos derrubes.
RESPONSABILIDADE XUDICIAL.- Jose Manuel Balseiro explicou que na súa iniciativa os populares tamén pedirán que o Concello cumpra o acordo plenario, acadado por unanimidade o 29 de setembro de 2009 e proceda a esixir xudicialmente ás indemnizacións oportunas aos responsables dos danos. Insisten en que ninguén pode comprender como hoxe, tres anos despois de acontecida a problemática, a Alcaldía ainda pode non ter feito isto, e estea actuar con complicidade coa empresa causante dos danos.
TRES ANOS DE ESPERA.- En febreiro do ano 2008 os veciños do barrio do Celeiriño, sito no concello lucense de Viveiro, observaron como a medida de que crecía un gran burato na cimentación dun bloque de vivendas contiguo, os seus fogares sufrían danos, gretas, roturas nas estruturas, ata chegar a unha situación de risco cerco de derrubo que obrigou á evacuación de moitas das vivendas deste barrio, ao reacollo dos seus propietarios e a o aillamento de moitos veciños carecendo durante todoes estes anos de acceso rodadado, o que impedía a entrada de servizos esencias como o butano, víveres, ou incluso ambulancias.
Os devanditos danos segundo sentencia xudicial -e por recoñecemento expreso da propia empresa- son consecuencia directa das obras de construción dun edificio con garaxes e dun muro de contención executadas nun solar contiguo ás vivendas afectadas. A edificación contaba cunha licenza outorgada pola Xunta de Goberno Local, de data 25 de maio de 2007, baixo a presidencia do alcalde socialista Melchor Roel, a pesares de poseer informes técnicos e xurídicos negativos e a pesar de que se suscitaban dúbidas sobre a idoneidade dos traballos executados, a súa adecuación coa legalidade urbanística e respecto do rigor co que o Concello efectuou a vixilancia e seguimento das obras de edificación, que levaron ao derrube de practicamente todo un barrio.