Lugo, a 23 de xuño de 2011.- O Grupo provincial do Partido Popular rexistrou na Deputación tres mocións relativas ó incumprimento do sistema de financiación autonómica por parte do Goberno central, sobre o operativo loxístico en apoio das embarcacións pesqueiras que participan na costeira do bonito e para garantir a continuidade do Curso Internacional de Música e Musicoterapia que organiza cada ano AIMPNE.
No que atinxe á primera, o GPPP require á Deputación de Lugo que inste ó Goberno central a chegar a un acordo no seo do Consello de Política Fiscal e Financieira para poñer fin á débeda con Galicia por importe de 805 millóns de euros correspondentes o presente ano e derivada dos incumprimentos no sistema de financiación autonómica.
Salientan os populares que o pasado 5 de xullo o Goberno da Xunta de Galicia e o Goberno central mantiveron unha reunión no seo da Comisión Bilateral para negociar a transferencia a Galicia deses 805 millóns de euros que a Xunta reclama para o presente exercicio por incumprimentos do sistema de financiación autonómica. Nesa reunión, segundo recalcan dende o GPPP, a Xunta atopouse cunha total falta de vontade para o dialógo e para acadar o consenso por parte dos representantes do executivo central.
Os populares alertan de que a negativa do Goberno a cumplir o sistema de financiación pon en risco a prestación de servizos públicos fundamentais e entenden que o Goberno ten unha oportunidade para correxir esta situación na próxima reunión do Consello de Política Fiscal e Financieira polo que requiren á Deputación que o inste a facelo.
APOIO Á COSTEIRA DO BONITO.- Os populares reprochan ó Ministerio de Medio Ambiente Medio Rural e Mariño a súa tardanza en convocar a reunión coas CCAA na que se perfilou o groso do operativo loxístico que se despregará este ano en apoio das embarcacións pesqueiras que participan na costeira do bonito. Entenden que resulta lamentable a improvisación coa que actúa o Executivo central ante unha costeira que, pola súa periodicidade anual e pola importancia que ten dado o elevado número de embarcacións que participan, debera non só estar mellor organizada, se non tamén, dispoñer do conxunto dos medios navais e aéreos de apoio, desde o primeiro día, esto é, mediados de xuño.
Precisamente para evitar que esta situación poida volver a repetirse no futuro e recalcando a importancia económica que esta actividade ten para a provincia de Lugo, dende o GPPP queren que a Deputación de Lugo inste á Xunta de Galicia a dirixirse ó Ministerio de Medio Ambiente Medio Rural e Mariño para que convoque e desenvolva, con carácter previo ó inicio da costeira estival do bonito, a reunión de coordinación coas comunidades autónomas para determinar o operativo loxístico de apoio a esta flota. Recalcando a este respecto que o devandito operativo loxístico, en todo caso, deberá poñerse en marcha nunha soa fase e en coincidencia co inicio da campaña estival de pesca deste túnido.
CURSO MUSICOTERAPIA.- O GPPP tamén propón que a Deputación de Lugo colabore coa Asociación Interdisciplinar Músicosensorial a favor das Persoas con Necesidades Especiais (AIMPNE) para garantir a continuidade do Curso Internacional de Música e Musicoterapia que esta asociación organiza cada ano.
Este curso está dirixido a nenos con necesidades especiais chegados de varios países, co fin de integralos no mundo da música. As administracións públicas, entenden os populares, teñen a obriga de contribuír ó apoio desta iniciativas porque supoñen un avance significativo en materia de igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, integradas de pleno dereito nas súas respectivas sociedades.