Partido Popular de Lugo

O PPDEG SOLICITA QUE SE PERMITA REVISAR OS PLANS DE CAZA ANUAIS Á METADE DA TEMPADA EN ZONAS OBXECTIVO 1 CO OBXECTIVO DE DIMINUÍR OS DANOS PROVOCADOS POLO XABARÍN

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2011.-  O Grupo Parlamentario Popular ven de presentar no Parlamento unha Proposición non de Lei encamiñada a diminuír os danos provocados polos xabarís na nosa Comunidade, solicitando que se permita revisar os plans de caza anuais á metade da tempada en zonas obxectivo 1 (que non requiren informes previos de danos para as batidas)  a  fin de ampliar os cupos en caso de ser necesario. A iniciativa popular tamén inclúe a promoción da corresponsabilidade entre agricultores, gandeiros, cazadores e Administración, a fin de paliar os danos ocasionados pola fauna cinexética e en particular polo xabarís.

A voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, anunciou que noutro punto da iniciativa tamén se pide revisar as ordenes de axudas aos tecores a fin de mellorar as condicións dos hábitats das especies de fauna cinexéticas, primando as encamiñadas a prevención dos prexuízos causados da poboación de xabarín.

Así mesmo na Proposición non de Lei se solicita dirixirse á Administración do Estado para que negocie con Agroseguro que os danos ocasionados nos cultivos por xabarís non sexan reclamados polas compañías de seguro aos tecores de caza.

A iniciativa presentada forma parte dunha serie de medidas solicitadas polo Grupo Popular nas que tamén se incluíu a petición de declarar aos concellos de Trabada, Barreiros, Ribadeo e Lourenzá como obxetivo un en canto a danos ocasionados polo xabarín, unha vez que estes sexan contrastados.

Nese sentido a deputada popular anunciou a presentación da iniciativa despois de reunirse nos últimos días coa Asociación de Afectados polos Danos dos Xabarís e de obter o compromiso da Xunta de Galicia, a través do director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, a levar a cabo as medidas necesarias para paliar a problemática que se está a producir ante a excesiva poboación de xabarís.