Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR RECORDA QUE A XUNTA TEN OPERATIVO DESDE O 3 DE XUÑO UN PLAN DE MEDIDAS PREVENTIVAS PARA GARANTIR O SUBMINISTRO DE AUGA

Santiago, 14 de xullo de 2011.- O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Parlamentario Popular, Daniel Varela, amosou hoxe a súa satisfacción porque “os socialistas, aínda que o manifesten con moito retraso, compartan co Goberno galego, e co propio Partido Popular, a preocupación pola situación de seca que se está a vivir en Galicia”, e recordoulles que “chegan tarde, xa que o propio presidente Núñez Feijóo xa anunciou o pasado 3 de xuño o Plan de Medidas Preventivas dirixidas a garantir o abastecemento de auga á totalidade dos núcleos galegos durante estes meses de verán”.

Daniel Varela concretou que “a Xunta de Galicia está a aplicar desde comezos do pasado mes de xuño un paquete de medidas preventivas e de concienciación social para reducir a demanda de auga, ao que se acompaña un Plan de Protección Civil que ten como obxectivo garantir a coordinación das diferentes administracións no caso de que sexa necesario activar algún tipo de alerta”.

SEGUEMENTO ESPECIAL DOS ENCOROS.- “Os socialistas puideron ter aforrado o seu encomiable esforzo con esta solicitude dun Plan de Seca en Galicia, que xa está en marcha por parte do Goberno galego desde hai un mes e medio, pero é unha mostra máis da utilización superficial e pouco rigorosa dos temas pola súa parte co único obxectivo de ter escusas para convocar roldas de prensa baleiras de contido”, sinalou o deputado popular.

O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular lembrou que, tal e como ten informado a Xunta de Galicia en repetidas ocasións, “os niveis de reserva dos encoros galegos garanten nestes momentos o subministro de auga durante o verán, ao que se suma un seguemento especial da situación da bacía Galicia-Costa a través dos 47 puntos de control que Augas de Galicia ten situados nos ríos e encoros de competencia autonómica”.