Partido Popular de Lugo

BALSEIRO CUALIFICA A NOVA PLANTA DE GAS NATURAL EN ALCOA COMO UNHA APOSTA ESTRATÉXICA E DE FUTURO POLO EMPREGO, POLA MELLORA MEDIO AMBIENTAL E UNHA MOSTRA DO APOIO DECIDIDO DA XUNTA Á PRINCIPAL EMPRESA DA COMARCA

A Mariña, 14 de xullo de 2011.-  O deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol cualifiou a apertura da nova planta de almacenamento de gas natural no complexo industrial de Alcoa como unha aposta estratéxica e de futuro polo emprego,  pola consolidación dunha mellora medio ambiental moi salientable e como materialización do apoio da Xunta á principal empresa da comarca.

EMPREGO E MEDIO AMBIENTE.- Balseiro Orol significou que o considerable aforro acadado pola substitución do fuel-oil por gas natural contribuirá a facer máis barato e viable o proceso de producción da empresa e garantiza a continuidade do proxecto industrial nas próximas décadas, consolidando os postos de traballo actuais e xerando incluso novas oportunidades de emprego. Ao mesmo tempo, ao tratarse dunha fonte enerxética moito máis ecolóxica, permitirá a reducción substancial dos gases contaminantes, contribuíndo á mellora ambiental do entorno e ao cumprimento dos compromisos medio ambientais contidos na lexislación vixente.

COMPROMISO CO MOTOR ECONÓMICO DA MARIÑA.- O deputado popular significou tamén que a mobilización de 2,6 millóns de euros na execución desta infraestrutura exemplifica o compromiso do Goberno galego con Alcoa, por canto estamos a falar non só da factoría que emprega a máis de 1.300 traballadores de xeito directo e outros tantos indirectos, senón tamén da industria que supón o 30% do produto interior bruto (PIB) de toda a provincia, o principal motor económico de Lugo e, por suposto, da Mariña lucense.

INICIATIVA IMPULSADA POLO GRUPO POPULAR.- Jose Manuel Balseiro Orol lembrou tamén que o impulso a esta infraestrutura gasista é posible grazas a que no seu día prosperou unha iniciativa parlamentaria, promovida polo Grupo Popular, instándolle á Xunta á posta en marcha da mesma. Os populares sempre mantiveron que as empresas -para abaratar os seus custes de produción enerxética- e os veciños da Mariña -nas súas vivendas- tamén teñen dereito a acceder a esta enerxía moito máis eficiente, ecolóxica e barata. 

A XUNTA CUMPRE, O ESTADO TAMÉN DEBE FACELO.- Balseiro Orol salientou finalmente que coa apertura desta planta de gas natural o Goberno galego cumpre coa súa parte, impulsando as redes secundarias de distribución deste combustible e as plantas de almacenamento, pero que agora correspóndelle ao Estado facer o propio construíndo o gasoduto da Mariña, algo que podería facer, se ten interese e vontade, en menos dun ano. Á espera de que o Goberno central constrúa o gasoduto que corresponde, as redes de distribución de gas natural secundarias impulsadas pola Xunta e as plantas de almacenamento obterán combustible que chegará a elas a través de barcos cisterna ou a través da estrada.