Burela, 8 de xullo de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, presentou en rolda de prensa acompañado de Jose María González Barcia, alcalde de Burela -o principal porto pesqueiro para a flota do bonito- varias iniciativas parlamentarias coas que pretenden evitar que volva a producirse, no futuro, a situación de abandono na que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño deixou durante semanas ás embarcacións que participan na costeira estival de pesca deste túnido.
Este ano fixo falla que transcorreran preto de catro semanas para que o Ministerio reaccionara –ainda que sexa tardiamente- e, en resposta ás presións da Xunta, do Grupo Parlamentario Popular e ao crecente malestar do sector pesqueiro galego, convocara e puidera ter lugar a reunión coas comunidades autónomas na que se perfilou o groso do operativo loxístico que se despregará en apoio das embarcacións pesqueiras que participan na costeira do bonito.
Aínda que se felicita polo que asegura é unha “rectificación do Ministerio socialista na súa estratexia de abandono á flota” o voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, lamenta a “improvisación e falta de profesionalidade” coa que actúa o Executivo central ante unha costeira que, pola súa periodicidade anual, e pola importancia que ten dado elevado número de embarcacións que participan, “debera non só estar mellor organizada, senón tamén, dispoñer do conxunto dos medios navais e aéreos de apoio, desde o primeiro día -insiste-, alá por mediados do mes de xuño”.
REUNION PREVIA E DESPREGUE LOXÍSTICO INMEDIATO.- A iniciativa parlamentaria dos populares reclamará ao Ministerio que para os vindeiros anos a reunión de coordinación coas comunidades autónomas teña lugar en datas anteriores ao inicio das costeira e que o propio despregue do operativo loxístico de apoio á flota, se efectúe nunha soa fase e desde o primeiro día no que ten lugar o inicio da campaña de pesca.
Os populares sempre sospeitaron que detrás desta situación de abandono da flota había intereses económicos. Balseiro Orol teme que o Executivo central pretendera aforrarse os cartos que implica este despregue loxístico moi a pesar de que os tripulantes destas embarcacións que faenan en augas do Atlántico, próximas ás Azores, poderían verse necesitados dunha axuda e colaboración que este ano non existía ou estaba mermada sustancialmente.
NIN O BUQUE DA ARMADA, NIN O BUQUE HOSPITAL.- “Neste momento podemos asegurar que o buque hospital, Juan de la Cosa, propiedade do Instituto Social da Mariña non acompaña á flota, deixando desprovistos a todos estes traballadores ante calquera eventualidade médica” explicou Balseiro- “E tampouco desprazado á zona de pesca o buque da Armada, o Chilrreu, o que implica poñer en perigo a seguridade dos tripulantes. Ademais os mecánicos, mergulladores, e outros profesionais que normalmente asisten aos buques boniteiros e que forman parte da tripulación do Chilrreu tampouco asisten á flota ante calquera eventualidade como era habitual noutras campañas”.
Durante estas case catro semanas de espera -desde que a mediados de xuño a maior parte da flota galega iniciara a costeira- os tripulantes destas embarcacións atopábanse nunha situación “nunca antes vista” de “desamparo e desprotección”. O Executivo socialista non só non tiña desprazados ata a zona de pesca os buques que habitualmente acompañan á flota boniteira, senón que nin tan sequera deu resposta aos ofrecementos da Xunta que puxo a disposición do Ministerio, como fai cada ano, medios aéreos e navais para reforzar o operativo de apoio a esta flota.
Neste senso, Balseiro aplaudiu a decisión da Consellería do Mar de reclamar a celebración da xuntanza de coordinación, e lamentou que tivese que ser a raíz desta petición cando se dispuxese por parte do Ministerio, ainda moito máis tarde do que viña sendo habitual e xa sen escusas, a totalidade do operativo loxístico. Así, o voceiro popular de Mar destacou a importancia da achega da Xunta a este operativo, que incluirá ao buque polivalente Sebastían de Ocampo e os helicópteros do Servizo de Gardacostas Pesca 1 e Pesca, estes últimos para colaborar coa flota sita no Golfo de Biscaia. Para Balseiro, este apoio amosa á claras a preocupación do departamento de Rosa Quintana por esta flota e esta actividade, á que tamén contribúe o executivo autonómico cunha campaña de promoción comercial do bonito do norte.