Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DENUNCIA A FALLA DE RESPECTO DA OPOSICIÓN AO GRAN LABOR DOS PROFESIONAIS QUE TRABALLAN NA LOITA CONTRA OS INCENDIOS EN GALICIA

Santiago, 7 de xullo de 2011.- A deputada do Grupo Parlamentario Popular, Emma Álvarez, denunciou hoxe “a falla total de respecto que están a manifestar os grupos da oposición co excelente traballo que están a realizar os profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) que están loitando contra os lumes en Galicia”. Así mesmo, reiterou a súa felicitación e a de todo o Partido Popular de Galicia a tódolos integrantes deste operativo, “lamentando que se cuestione a súa eficacia na loita contra o lume cando resulta evidente que os incendios se están apagar cada día, a medida que se van rexistrando”.

Emma Álvarez salientou a “incongruencia dos grupos políticos da oposición ao criticar as brigadas que traballan contra os incendios porque os efectivos estruturais da Xunta son agora os mesmos ou incluso máis que na época do bipartito, ao que se suma un dispositivo maior e máis especializado”. “Non é certo, como queren facer ver sobre todo desde o BNG, que os lumes se estean combatendo só con medios aéreos, xa que so fai falta desprazarse ata un dos lumes para comprobar que sobre o terreo hai persoal e medios dabondo tanto persoal como vehículos de extinción de todo tipo”. 

COLABORACIÓN TOTAL COS CONCELLOS.- A deputada negou que haxa “abandono ningún do rural galego” e recordou que en materia de prevención, “ademais do traballo directo que desenvolve a Xunta de maneira e segundo se recolle na propia lei antiincendios vixente aprobada na época do Goberno bipartito, os propietarios dos terreos forestais son os primeiros responsables do seu mantemento e desbroce para previr lumes, actuando a Administración local como responsable subsidiaria no caso de que non se cumpran as obrigas legais, repercutindo despois os custes deses traballos de prevención sobre os donos das fincas”.

“Pero á marxe desta disposición legal, o actual Goberno da Xunta incrementou este ano a partida dos convenios cos concellos para desbroces de marxes de pistas e estradas municipais, pasando dos 2,4 millóns de euros de 2010 aos 2,6 deste 2011, ao tempo que asinou un total de 302 convenios con concellos galegos para este fin e para dotación de motobombas e o apoio aos chamados grupos locais de pronto auxilio, destinando a este fin un orzamento total de 4 millóns de euros”, explicou. Ademais, o esforzo do Goberno galego abrangue outros 2,8 millóns de euros en axudas para as comunidades de montes en man común. 

OPERATIVO POTENTE E PROFESIONAL.- Emma Álvarez considera “un verdadeiro despropósito falar de desmantelamento do operativo antiincendios, pois Galicia conta cun potente e máis que digno operativo que non é comparable ao de ningunha outra Comunidade Autónoma e que acumula, ademais, unha longa experiencia nesta tarefa”. 

A deputada popular recordou que “ata o momento a Policía Autonómica ten imputado 58 presuntos incendiarios no que vai de ano, un dato que ven confirmar esa elevada actividade incendiaria á que se debe enfrontar o operativo”. Por este motivo, insistiu na chamada á colaboración cidadá na loita contra este problema de orde pública e na necesidade de redobrar os esforzos por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado para continuar localizando e poñendo a disposición xudicial aos incendiarios.

“Cómpre facer unha chamada á responsabilidade das diferentes forzas políticas para sumar esforzos contra esta lacra e deixar de lado o catastrofismo e o alarmismo, que non conduce a ningures”, salientou Álvarez, para quen “queimar o monte é un delito e todos debemos facerlle fronte, evitando converter esta cuestión nunha arma política”.