Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR SALIENTA “O ACERTO DA XUNTA NAS MEDIDAS PRESENTADAS DA NOVA LEI DE VIVENDA, QUE PERMITIRÁ AXUSTAR A DEMANDA Á OFERTA EXISTENTE”

Santiago, 5 de xullo de 2011.- O deputado do Partido Popular, Jaime Castiñeira, salientou hoxe “o acerto da Xunta de Galicia nas medidas presentadas do anteproxecto da nova Lei de Vivenda, que permitirán axustar a demanda á oferta existente beneficiando tanto aos consumidores como aos promotores”. “O obxectivo principal será garantir o acceso a unha vivenda digna e adecuada a quen realmente o necesite, impulsando un sector que neste momento está a vivir un momento especialmente complicado e adecuando á lexislación á realidade actual”, sinalou.

 

Jaime Castiñeira destacou que este anteproxecto “pon de manifesto a vontade do Goberno galego de crear un marco normativo estable e adaptado á realidade existente na nosa comunidade, de xeito que non sexa necesario proceder á súa modificación cada poucos anos pola súa adaptabilidade e permita un asentamento da norma que beneficie a todos os sectores implicados”.

 

GARANTÍA TOTAL AO CONSUMIDOR

 

“Un dos aspectos máis salientables desta nova Lei de Vivenda é a busca dunha garantía total para o consumidor, incrementando a súa protección e regulando aspectos que non o estaban con anteriores normativas, como a publicidade de vivendas e a compra na fase de construción ou unha vez rematadas”, explicou o deputado.

 

Neste sentido, Castiñeira salientou “a aposta que se fai polas vivendas de promoción pública, co obxectivo de facilitar e garantir o acceso á vivenda en maior volume e en menor custe para o cidadán”. Así, puntualizou que regúlase a posibilidade de establecer contratos de copropiedade para vivendas de promoción pública; as vivendas de promoción pública concertada serán vivendas construídas por outros promotores públicos ou privados, optimizando os recursos e atendendo de inmediato as necesidades de vivenda; e, por último, as vivendas de promoción pública de inserción ou asistenciais serán promovidas en colaboración con outras administracións públicas ou entidades sen ánimo de lucro para programas de carácter social.

 

Neste ámbito, o deputado tamén destacou “a posibilidade que se abre para os compradores de vivendas de promoción pública de aprazar os pagos cando se dean unhas circunstancias económicas que poñan en dificultade facer fronte á obriga deste abono, evitando situacións de desafiuzamento e de alarma para os consumidores”.

 

RESERVA DE SOLO PARA VIVENDA PROTEXIDA

 

Jaime Castiñeira subliñou, ademais, que con esta nova Lei os concellos poderán adaptar a reserva de solo para vivenda protexida “á demanda real existente en cada municipio, garantindo en todo momento o uso dese solo ás necesidades reais dos demandantes deste tipo de vivendas”.

 

“Para elo, contarase co Rexistro Único de Demandantes de Vivenda como elemento de planificación das políticas públicas de vivenda e solo, xa que se considera que este órgano é o indicador real da necesidade de vivenda protexida existente en cada concello e do tipo de vivenda demandada”, manifestou.