Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DEFENDE O NOVO SEGURO MARÍTIMO FRONTE AO MODELO ANTERIOR QUE CREABA UNHA FALSA SENSACIÓN DE PROTECCIÓN

Santiago, 29 de xuño de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro defendeu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia o novo modelo de seguro marítimo -apoiado pola Consellería do  Mar- en contraposición á fórmula anterior que, segundo explicou, “xeraba unha falsa sensación de protección para armadores e tripulantes que se vían involucrados nun accidente marítimo”. 

O deputado popular considera que a moción rexistrada polo PSOE e que, en resumidas contas, propoñía á volta ao sistema aseguraticio anterior, suporía “un paso atrás, un retroceso evidente, nas melloras experimentadas coa posta en marcha do novo seguro de accidentes”. 

Jose Manuel Balseiro lembrou que na práctica, cando se producía un sinistro marítimo, os tribunais acaban recoñecendo indemnizacións moi superiores ás que cubría o seguro anterior e, polo tanto, esta situación levaba á quebra da empresa armadora incapaz de facer fronte, na maior parte dos casos, a este gasto. Ademais, para obter a indemnización completa os familiares dos tripulantes accidentados tiñan que asumir custosos e interminables litixios no estranxeiro, pois as empresas aseguradoras eran de fóra de España. Pola contra, o novo modelo non só cubre a responsabilidade civil da empresa armadora fronte a terceiros con ata 25 millóns de euros, en embarcacións con máis de 5 tripulantes, senón que ademais a póliza do seguro pode subscribirse con empresas galegas e en caso de litixio acudir aos tribunais do noso país. 

Outra das ventaxas do novo modelo aseguraticio é que dá cobertura aos accidentes que poidan sufrir os mariscadores a pé, e polo tanto, non só cubre ás flotas de altura e de baixura, senón tamén a todos estes profesionais do marisqueo que non teñen por que empregar embarcacións para desenvolver o seu traballo. 

Balseiro negou que detrás da supresión do seguro anterior, como defenden desde a oposición, existan razóns de índole económico distintas da supresión dun gasto que se estaba a demostrar como ineficiente. De feito, a Xunta de Galicia tamén financiará ata o 25% do custe das pólizas do novo modelo de seguro marítimo obrigatorio e do seguro de accidentes para mariscadores  a pé. 

Tendo en conta todos estos avances, o voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, considera incomprensible volver ao modelo de seguro anterior, tal e como piden PSOE e BNG aos que tamén acusou de desoir a opinión do propio sector pesqueiro. Neste punto significou, tal e como fixera en debates anteriores, que son as propias federacións de confrarías de pescadores –as provinciais e a galega- as que amosaron o seu apoio público e explícito ao novo seguro e cualificaron de obsoleto e ineficaz o modelo anterior.