Santiago, 24 de xuño de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, lamentou a desidia na que está a incorrer o Goberno central e responsabilizou ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) do “insuficiente e ineficaz” operativo de apoio á flota bonitera, que se atopa en augas do Atlántico, participando en plena campaña estival de pesca.
O parlamentario popular non comprende como é posible que o Goberno do Estado non tivera convocado a reunión de coordinación das comunidades autónomas para definir os medios que contribuirán a apoiar ás necesidades desta flota, máxime cando habitualmente a Administración autonómica poñía a disposición dous barcos polivalentes e dous helicópteros destinados a reforzar este operativo.
Balseiro Orol reiterou hoxe a súa denuncia sobre a situación de abandono na que se atopan os tripulantes que participan na costeira do bonito. Ao mesmo tempo alertou de que esta situación de abandono pode verse agravada nos vindeiros días.
Segundo a información ofrecida polo deputado popular só o barco sanitario Juan de la Cosa –propiedade do Instituto Social da Mariña- acompaña á flota bonitera galega que faena en augas próximas ás Azores e o fai ademais, a unha ampla distancia da zona na que as embarcacións pesqueiras están a efectuar as súas capturas.
Ademais este buque sanitario nin tan sequera chegará ao lugar onde a flota boniteira realiza a súa pesca, e non o fará porque ten previsto partir ata Santander para efectuar o relevo da súa tripulación o que significa que durante varios días –pode ser incluso unha semana- a flota bonitera non disporá da asistencia desta embarcación que conta coa tecnoloxía sanitaria e co persoal médico preciso en caso de emerxencia.
O parlamentario tamén denunciou que a Armada non desprazou ata o lugar, como era habitual nos pasados anos, ao patrullero Chilreu –ou a algunha embarcación similar que o substitúa- e todo iso a pesar de que a súa presenza alí é esencial xa que dispón de mecánicos e buzos que habitualmente colaboran coa flota ante calquera incidencia.
Esta é a primeira vez, segundo explicou Balseiro Orol, que o operativo deseñado especificamente para as misións de inspección, vixilancia, salvamento e apoio técnico e médico da flota pesqueira non participa na campaña estival do Bonito do Norte.