Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR SINALA A SÚA PREOCUPACIÓN POLO DEFICIENTE OPERATIVO DISPOSTO POLO GOBERNO CENTRAL EN APOIO DA FLOTA BONITEIRA

Santiago, 22 de xuño de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, deu a coñecer a súa fonda preocupación, compartida tamén polo sector pesqueiro, ante o deficiente operativo disposto polo Goberno central en apoio da flota bonitera, pese a que fai semanas que comezou a súa campaña anual.

O parlamentario popular denunciou que os medios do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño non están a dar cobertura á flota boniteira na zona concreta onde se están a desenvolver as capturas. Esta situación non só está a xerar unha sensación de evidente desprotección dos traballadores desta flota, senón que ademáis suporía un obstáculo ante calquera operación de emerxencia ou salvamento que puidera ser necesario realizar de producirse algunha dificultade durante a costeira.

De xeito habitual o Ministerio de Medio Ambiente Medio Rural e Mariño viña despregando tanto medios aéreos como marítimos para verificar o movemento das distintas flotas, coordinar a vixilancia e prestar apoio aos tripulantes das embarcacións boniteiras. As devanditas funcións levábanse a cabo en coordinación coas distintas comunidades autónomas.

Jose Manuel Balseiro non comprende cales poden ser as razóns que levan ao Ministerio a non poñer en marcha o tradicional e completo operativo de apoio á flota bonitera e a facelo ademais sen contar coa Xunta de Galicia. Ao deputado popular cónstalle que a Consellería do Mar puxo a disposición do Goberno central os seus medios, como cada ano, pero que aínda  hoxe non obtiveron resposta, polo que non están participando.

O parlamentario popular  subliña ademais que esta situación é moito máis grave ainda cando existe constancia de que as embarcacións do Ministerio non acompañan á flota bonitera ata as mesmas zonas onde  está a ter lugar a pesca deste túnido, isto é, as embarcacións navegan sen a habitual asistencia.

Jose Manuel Balseiro pide ao Ministerio que corrixa esta situación de aparente abandono da flota boniteira,  acompañe ás embarcacións pesqueira  e as sirva de apoio.