Lugo, a 20 de xuño de 2011-. O presidente e o secretario xeral do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo e Alfonso Rueda respectivamente, participaron hoxe na primeira xuntanza celebrada pola xunta directiva provincial do Partido Popular tras os comicios do 22 de maio.
Precisamente a análise do mapa político resultante tras a celebración das eleccións municipais por parte do presidente provincial José Manuel Barreiro foi un dos asuntos abordados no encontro. Segundo explicou, o feito de que o PP continúe a ser a forza maioritaria na provincia, mellorando incluso o apoio recibido en 2007 cun incremento do cinco por cento na porcentaxe de votos, supón un “claro e obxectivo” respaldo á actuación desenvolvida polos populares nestes últimos catro anos nas corporacións locais e provincial.
Un traballo que, segundo dixo, permitiu ós populares asumir o bastón de mando en 44 concellos da provincia. Noutros seis municipios, pese a ser a forza maioritaria, a conformación de pactos ou de acordos de investidura privaron ós candidatos populares de asumir a alcaldía.
Barreiro salientou que a súa formación é tamén a maioritaria na Deputación. Indicou a este respecto que os resultados logrados colocan ó PPdeLugo no posto 11 das 38 deputacións existentes no Estado.
Así, segundo explicou, o 47 por cento dos votos recibidos no ámbito provincial traducironse, polas peculiaridades do reparto por circunscripcións, en 12 deputados provinciais, un máis con respecto ás eleccións de 2007, aínda que insufiente para facerse coa maioría absoluta. Independentemente desta circunstancia, o presidente provincial insistiu en que o seu partido, “como forza maioritaria”, segue a postularse como “lexítimo” aspirante a facerse co goberno provincial e ironizou co feito de que “algún, pese a que os lucenses non respaldaron á súa formación política nas urnas, se considere xa presidente da institución”.
José Manuel Barreiro, tras salientar e agradecer o traballo desenvolvido durante a campaña polos integrantes de todas as candidaturas, afiliados, simpatizantes e colaboradores, instou a todos a seguir a traballar os vindeiros catro anos con “idéntica intensidade, resposabilidade e rigor que ata o de agora porque a confianza depositada en nos pola maioría dos lucenses pon de manifesto que estamos no bo camiño”.
“A defensa do interese xeral da nosa provincia e dos seus habitantes debe mantenerse como o noso principal obxectivo e a razón que presida a nosa actividade política en concellos e Deputación”, asegurou.