Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR INTERÉSASE NO PLENO DO PARLAMENTO POLA INFORMACIÓN DA QUE DISPÓN A CONSELLERÍA DO MAR AO RESPECTO DA “OPERACIÓN CAPACHO”

Santiago, 13 de xuño de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol rexistrou unha pregunta que se debatirá no pleno do Parlamento que comeza mañá na que se interesa pola información da que dispón a Consellería do Mar ao respecto da denominada Operación Capacho.

Os populares amosan o seu interese en coñecer as circunstancias nas que tivo lugar o operativo policial desenvolvido nas pasadas semanas e coordinado polo Xulgado de instrucción número 3 de Ferrol, que rematou coa detención e imputación xudicial de varias persoas acusadas dun delito contra a saúde pública. Segundo parece, acúsaselles de  incumprir a prohibición de extracción de vieira nas rías galegas, obviando que neste momento este marisco ten altas concentracións de toxina amnésica, o que as converte e non aptas para o consumo humano.

O Grupo Parlamentario Popular quere coñecer en que consiste a colaboración que está a prestar a Administración  autonómica e nomeadamente a Consellería do Mar en relación con este operativo así como os pasos  a seguir pola Xunta de Galicia no futuro, incluído no ámbito xudicial.

Jose Manuel Balseiro insiste no positivo destas actuacións que por unha banda intentan poñer coto ao actuar dos furtivos e polo outro garantir o bo nome dos produtos da pesca e marisqueo de Galicia que, capturas e comercializados polas vías habituais e legais, non só dispoñen das maiores garantías hixiénico sanitarias senón que ademais se caracterizan pola súa alta calidade e por contar coa preferencia e apoio dos consumidores.