Partido Popular de Lugo

BALSEIRO LEMBRA AO PSOE QUE O GOBERNO BIPARTITO LEVOU AO SECTOR DO MEXILLÓN Á GRAVE SITUACIÓN NA QUE SE ATOPA COMO CONSECUENCIA DA SANCIÓN DA COMISIÓN NACIONAL DE COMPETENCIA

Santiago, 9 de xuño de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou aos socialistas que o Goberno bipartito levou ao sector do mexillón á grave situación na que se atopa como consecuencia da millonaria sanción da Comisión Nacional da Competencia. O deputado popular explicou que varios documentos achegados polo sector proban que foi Carmen Gallego, a exconselleira socialista durante o Goberno bipartito, quen mediou, promoveu e aconsellou a creación da plataforma de produtores mexilloeiros que o organismo estatal de control da competencia considera un cártel, por entender que pactou os prezos deste produto.

Balseiro non apoiou a iniciativa socialista na que demandaban que a Xunta se implique na defensa deste sector porque esta petición chega  tarde, en opinión do deputado popular, que recordou que a Consellería do Mar xa está a colaborar co eles no marco da Comisión do Mexillón e apoia todas as accións que están a levar na súa defensa. Balseiro incluso lembrou que a propia titular da Consellería, Rosa Quintana, expuso persoalmente en varias ocasións ante a Comisión Nacional da Competencia os efectos da súa sanción nun sector estratéxico dentro da acuicultura galega, como é o mexilloeiro. O voceiro popular lembrou tamén que a Xunta de Galicia non ten capacidade para sumarse ao recurso da sanción –como pedían os socialistas- porque a Administración autonómica non forma parte do procedemento.

PORTOS DE INTERESE XERAL.- Os populares non se sumaron á petición nacionalista que reclamaba a cesión a Galicia das competencias estatais sobre os portos de interese xeral. O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular sinalou que neste momento o importante é traballar na coordinación entre os distintos portos galegos e coas autoridades portuarias para ser máis competitivos, xusto hoxe cando se están a reestructurar os distintos tráficos marítimos.  Balseiro interpreta que a colaboración entre todos os entes xestores das infraestruturas portuarias permitirá acadar novos tráficos tanto no tocante ao cabotaxe (co resto dos países europeos) como en destinos internacionais (Post Panamá).  Balseiro tamén significou que o Estado debe investir na finalización do porto exterior da Coruña, no enlace ferroviario co porto exterior de Ferrol e apostar pola autovía do mar de Vigo, na que se ten avanzado considerablemente ata o momento grazas a xestión da Xunta e de Corina Porro.

Dende o Grupo Parlamentario Popular tamén significan que a petición do  BNG para acadar esta transferencia –a dos portos de interese xeral-é o recoñecemento do fracaso do Goberno bipartito e moi particularmente das xestións efectuadas polos nacionalistas. De  feito, segundo Balseiro “o BNG era quen tiña durante o anterior mandato a responsabilidade da área de relacións institucionais (Vicepresidencia) e debera negociar novas competencias. Naquel momento os nacionalistas non conseguiron o que agora demandan”. “Tampouco pareceron decatarse desta petición cando unha e outra vez aprobaban os orzamentos do Estado, que elaboraba o Goberno de Zapatero, onde puideron condicionar o seu apoio á obtención de máis investimentos nos portos galegos ou incluso á transferencia desta competencia sobre os portos de interese xeral” finalizou dicindo o voceiro popular.