Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2011.- Unha emenda do PPdeG aprobada hoxe na Comisión de Industria do Parlamento solicita que a empresa propietaria do Hotel Palacio de Sober xustifique os gastos para poder recibir as contías pendentes das axudas concedidas polo IGAPE. O apoio do PPdeG e a presentación desta emenda a unha Proposición socialista logrou que saíra adiante esta iniciativa que pretende que se realice de inmediato o pago das contías pendentes das axudas concedidas para saldar as débedas coas empresas provedoras da comarca de Monforte de Lemos, unha vez que a empresa achegue de acordo co previsto nas bases reguladoras da axuda concedida a documentación xustificativa de ter realizado os investimentos previstos.
O deputado popular Daniel Varela Suanzes-Carpegna, encargado da defensa da emenda popular, indicou que “en aras da transparencia e do control do diñeiro público é necesario que demostren ter realizado os investimentos previstos segundo as bases reguladoras da axuda concedida para que se realice o pago inmediato das contías pendentes a empresa ALVAHER 98, propietaria do hotel”.