Partido Popular de Lugo

Castiñeira salienta que o PP gañou as eleccións en todos os distritos e en tres de cada catro mesas electorais

Lugo, 6 de xuño de 2011.- O candidato do PP á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira salientou que o equipo que el encabeza foi «o clarísimo gañador» das eleccións do 22 de maio.

Castiñeira argumentou que o PP gañou os comicios en todos os distritos. Salientou especialmente o caso do distrito 1 e da zona rural, nos que o PP gañou o 100% das mesas electorais (catro no casco histórico e 16 nas parroquias). Respecto ao total do Concello, o PP fíxose con 79 mesas do total de 115, o que representa un 69% de maioría popular. 

Os resultados das mesas reflicten o 44,25% dos votantes que elixiron a opción do Partido Popular. En termos absolutos, foron 22.853 os lucenses que optaron polo PP, 4.424 máis que fai 4 anos. Fronte a esta opción, «de gañadores«, o PSOE reduciu o seu apoio en 3.589 votos (un 6,72% menos) e o BNG en 2.758 votos (un 5,27%). Por iso, subliñou que se aveciña «un goberno de perdedores dispostos a pactar a calquera precio para non deixar gobernar aos que os lucenses elixiron».

O popular valorou as cifras electorais nunha reunión coa Xunta Local que se celebrou esta tarde na sede do partido, na que recalcou que a lista do PP de Lugo foi a que contou con maior respaldo das sete grandes cidades, coa maior porcentaxe de votos da comunidade, superando incluso aos candidatos do PP que obtiveron a maioría absoluta (en Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela).

Castiñeira cualificou de «moi bos» os resultados e animou aos membros da Xunta Local a traballar «tanto e tan ben, como fixestes para estas eleccións», ao tempo que lles anticipou que á volta de verán deseñará unha estratexia para manter a presenza do partido na rúa, co apoio fundamental dos militantes. Esta medida complementarase coa reactivación das comisións de traballo da organización política.

En relación ás declaracións de Orozco sobre as coincidências programáticas, entre PSdeG e BNG, Castiñeira pregúntase «se tanto coinciden nos seus programas os dous partidos, por qué non se presentaron nunha única lista e, así, non enganaron aos veciños e aos seus votantes».