Partido Popular de Lugo

BALSEIRO INSISTE EN QUE SE DEIXE GOBERNAR AO PP NOS CINCO CONCELLOS NOS QUE OBTIVO MAIOR NÚMERO DE VOTOS: FOZ, MONDOÑEDO, RIOTORTO, VIVEIRO E O VALADOURO

A Mariña, 4 de xuño de 2011.-  O PP da Mariña, de ser o caso, propiciaría que gobernase nos distintos concellos da comarca a lista máis votada e por iso reclama ao resto das forzas políticas que fagan o mesmo. Esto implicaría que o PP acadaría cinco alcaldías nos concellos de Foz, Mondoñedo, Riotorto, Viveiro e volvería a encabezar a opción de goberno no Valadouro.

O secretario xeral dos populares lucenses continúa no seu empeño de reivindicar, “sobre calquera alianza doutros partidos perdedores”, o dereito do PP a formar goberno alí onde foi a opción política máis votada. Unha expectativa reforzada aínda máis tendo en conta a negativa do BNG a conformar pactos globais co PSOE e o fracaso electoral dos bipartitos, que alí onde gobernaron na pasada lexislatura perderon votos. 

CHAMADA DE ATENCIÓN AO BNG.- Balseiro lémbralle aos nacionalistas que apoiar aos candidatos de Zapatero para gobernar en contra da lista máis votada está restándolle votos elección tras elección. Para o dirixente popular, eses pactos dos nacionalistas cos socialistas de reeditarse farán que o PSOE arrastre na súa caída ao BNG. O Bloque, que era a principal forza de oposición en Galicia ata o ano 2005, está limitando o seu papel en moitos concellos ao de “muleta” dun PSOE que pouco a pouco “fagocita” aos nacionalistas e se vale dos seus votos para manter un xeito de facer política ao estilo de Zapatero que os cidadáns xa dixeron que non compartían.

Os populares auguran que de reeditarse os bipartitos, e impedir que o PP goberne nestes cinco concellos producirase “un divorcio” das forzas do bipartito e a sociedade mariñá e por iso pídelles que asuman o seu papel de oposición naqueles lugares nos que os veciños non lles deron o seu voto.  “En  lugar de aupar á alcaldía a unha forza perdedora, deben respectar a opinión da maioría dos veciños e permitir un goberno do PP, en sintonía ademáis co existente na Xunta de Galicia”.

ANÁLISE POLO MIÚDO.- Jose Manuel Balseiro fixo unha análise máis polo miúdo da situación política destes cinco concellos. Así no tocante a Foz sinalou a importancia histórica do castigo electoral recibido polos socialistas– despois de moitos anos de goberno- e subliñou que non tería sentido non escoitar a mensaxe nítida dada polos veciños e que pasa por botar da alcaldía non só a Jose María García Rivera, senón tamén ás políticas desenvolvidas polo PSOE.

No caso de Mondoñedo e Riotorto, o secretario xeral dos populares lembrou que un puñado de votos afastan ao PP da maioría absoluta, un respaldo popular moi significativo que deslexitima aos partidos perdedores  na súa intención de volver a unirse. Balseiro explica que a perda de votos do bipartito nestes dous concellos supón que os veciños non queren un pacto que se basea unicamente en intentar que o PP non goberne, pero que despois non se materializa no traballo diario, xa que os pasados catro anos tanto en Mondoñedo como en Riotorto foron, pola falta de xestión municipal, tempo perdido.

En Viveiro tampouco sería de recibo que o BNG servira de “plataforma” para que o PSOE continuase na alcaldía, sobre todo tendo en conta que os veciños deste concello non só fixeron que o PSOE perdera un número considerable de votos, senón incluso o alcalde xa non sexa nin tan sequera a primeira forza política. Os populares creen que de apoiar a Roel o BNG sería corresponsable dos desatinos na xestión do PSOE, e apoiaría tamén as políticas socialistas que nos levaron a afondar na crise.

No caso do Valadouro Balseiro sostén que por algo será que os veciños deste concello levan 24 anos apostando polo PP como primeira forza política e que, respectar a súa vontade, implica permitir que os populares poidan continuar como forza de goberno. O secretario xeral popular considera que O Valadouro ten moito que gañar cun alcalde capaz de negociar coa Xunta de Galicia e co futuro goberno central, ambos moi probablemente da mesma cor política.