Partido Popular de Lugo

Satisfacción no Partido Popular de Lugo polos resultados do 22-M

Lugo, 1 de xuño de 2011.- A provincia de Lugo é popular. Esa é a conclusión sacada hoxe polo comité executivo do PPdeLugo durante a reunión celebrada a última hora da tarde para valorar pormenorizadamente os resultados electorais tras os comicios do 22-M. Os asistentes salientaron ó traballo desenvolvido durante a campaña e os resultados logrados.

Na súa opinión, os lucenses puxeron claramente de manifesto o seu rexeitamento frontal á política levada a cabo polo Partido Socialista e que colocou ó país nunha situación tremendamente delicada e amosaronse rotundamente partidarios de que sexa o Partido Popular o que lidere o cambio que precisa o país. 

Así, os populares, tras agradecer a confianza depositada neles pola maioría do electorado, salientaron que os 105.171 sufraxios acadados (o 47%) supoñen incrementar un 5 por cento (5.364 votos) os resultados das municipais de 2007.

Ata tal punto que, excluindo a variación do censo e os efectos do voto Cera, o PP atoparíase nunha porcentaxe similar ás municipais de 2003 e autonómicas 2009 e máis dun punto por riba das xerais de 2008.

O Partido Popular de Lugo, que concurriu a esta cita electoral con 24 candidatos novos,  obtivo, de feito, 3.216 votos máis que PSOE e BNG xuntos, situando a Lugo como a provincia galega, só por detrás de Ourense, que mellores resultados logrou e tamén a segunda en incremento de voto (tras a da Coruña). Lugo tamén é a provincia que rexistrou un maior grao de participación, o 76,01 por cento. Un respaldo que permitiu ós populares acadar 12 deputados provinciais e quedarse a tan só 119 votos de obter un máis no partido xudicial de A Fonsagrada e a 381 votos para duplicar ó Partido Socialista en Vilalba e, polo tanto, obter outro deputado máis.

Así, o PP foi o partido máis votado en cinco dos seis partidos xudiciais e subiu, de feito, en porcentaxe de voto e en número de votos en cinco dos seis partidos xudiciais.  De tal xeito que o 52,3 por cento dos concelleiros electos tras o 22-M (385) son do PP. Un dato que supón 41 ediles máis que en 2007. 

No que respecta ós concellos, o PP gañou as eleccións en 50 (o 75%); por maioría absoluta en 40 (60%) e por maioría relativa nos outros dez; e mellorou os resultados en comparanza coas municipais de 2007 en 56, é dicir, no 83,5 por cento. Este incremento do respaldo permitiu ós populares acadar as alcaldías de Begonte, Burela, Castro de Rei, Folgoso do Courel, Meira, As Nogais, Portomarín, Sarria e Triacastela.

O incremento de case 9 puntos experimentado en Lugo capital con respecto ós comicios de 2007, que se traduce en 4.416 votos máis, foi outro dos datos salientados durante a xuntanza. O PP acadou neste municipio o respaldo maioritario do electorado, o 44,25 por cento, case seis puntos por riba do PSOE.