Santiago de Compostela, 25 de maio de 2011.- O Parlamento de Galicia aprobou, a iniciativa do PPdeG, emprender accións para o impulso, conxuntamente do Goberno do Estado coas Comunidades Autónomas, dunha estratexia definida dirixida a garantir unha axuda transitoria ás rexións que abandonan por primeira vez o obxectivo de converxencia, como é o caso de Galicia, no próximo período de programación comunitaria que se abre a partir de 2014.
O PPdeG recorda que a perda dos fondos europeos, que supuxeron máis de 5600 millóns no período 2007-2013, se produce porque Galicia ten superado o nivel de converxencia e en pouco máis dunha década pasou dun PIB per cápita inferior ao 75% da media comunitaria a superar no ano 2008, segundo os datos de Eurostat, o 88,9% da media comunitaria, coa consecuente perda de fondos por superar o nivel de converxencia.
O deputado popular Daniel Varela Suanzes-Carpegna indicou na defensa da iniciativa que “neste novo escenario é necesario reclamar axuda para rexións como a nosa co obxectivo de manter financiación no período transitorio para consolidar os esforzos feitos ata o de agora e tendo en conta a situación da nosa Comunidade”. Así indicou que Galicia ten graves problemas estructurais que demandan esta axuda como é o desequilibrio territorial entre as provincias interiores e costeiras, a elevada dispersión dos asentamentos de poboación e unha estructura demográfica moi envellecida “que se traducen nuns custos moi elevados en prestacións sociais e unha estructura empresarial moi atomizada” segundo o deputado popular.
O Grupo Popular presentou a iniciativa polo trámite de urxencia xa que a definición das bases da política rexional da UE para o período financeiro que comeza no 2014 “se intensificará nos próximos meses coa adopción no mes de xuño da proposta lexislativa das perspectivas financeiras europeas e o inicio da tramitación normativa no mes de setembro ” segundo Daniel Varela polo que é necesario que se defina unha estratexia concertada entre o Estado e as Comunidades Autónomas afectadas para asegurar esta axuda transitoria “na que xa leva traballando a Xunta de Galicia dous anos”.
Para o deputado popular o recorte na axuda comunitaria a Galicia podería traducirse “non só nun baixo aproveitamento dos recursos xa empregados senón na perda da oportunidade de consolidar uns investimentos necesarios para o desenvolvemento rexional a medio e longo prazo”. Daniel Varela valorou positivamente o apoio a iniciativa do PSOE e lamentou a abstención do BNG na votación efectuada hoxe.