Partido Popular de Lugo

Alcaldes e portavoces municipais do PP lucense felicítanse polos grandes resultados acadados nas eleccións

Lugo, 25 de maio de 2011.- Alcaldes e portavoces municipais do Partido Popular de Lugo felicítanse polos grandes resultados acadados nas pasadas eleccións locais e amosan o seu agradecemento aos veciños da provincia pola confianza e apoio depositado no conxunto das candidaturas desta formación política que saíu gañadora dos pasados comicios.

Cos resultados nas mans, os alcaldes e portavoces populares quixeron facer un recoñecemento expreso e prestar o seu total apoio ao traballo desenvolvido polo Equipo provincial do PP e merecidamente ao seu presidente Jose Manuel Barreiro como artífice do notable avance popular que permitiu que teñan máis votos, máis alcaldes, e maior respaldo electoral que PSOE e BNG xuntos.

Os populares lembran que tras a de Ourense é a de Lugo a provincia galega que maior respaldo electoral ten recibido para o PP, xa que acadou o 46,97% dos votos o que supón 105.171 sufraxios. 

Os lucenses seguen a amosar a súa preferencia polos gobernos municipais do PP de tal xeito que esta formación política acadou a maioría absoluta en 40 concellos e son a forza máis votada en 50 dos 67 municipios da provincia, isto representa case o 60% do total das alcaldías.

Subliñan como especialmente significativo, en sentido positivo, a recuperación das alcaldías en Sarria, Burela, Castro de Rei, Meira, Begonte, As Nogais, Folgoso do Courel, Triacastela e Portomarín.

En termos comparativos o respaldo electoral dos populares creceu en 5.364 votos con respecto ás últimas eleccións municipais o que supón un incremento de preto do 5 por cento. Pola contra os lucenses castigaron ás forzas da oposición facendo perder ao PSOE 12.836 votos e ao BNG 7.531 votos. Ademais o PP avantaxe en 3.216 votos a suma obtida por PSOE e BNG, unha diferencia notable que converte en grandes derrotados ás forzas do bipartito.

Os 385 concelleiros electos do Partido Popular de Lugo (41 máis que no 2007), quixeron tamén reiterar o agradecemento a todos os militantes e simpatizantes do PP, que fixeron chegar ata o último recuncho da provincia as solucións e as propostas do PP durante a campaña electoral e tamén aos que traballaron como interventores e apoderados nos colexios electorais, colaborando a consolidar unha vitoria histórica para o partido.