Santiago, 24 de maio de 2011.- O deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol indicou hoxe no pleno do parlamento que o mellor xeito de ter axilizado a Vía de Altas Prestacións da Costa Norte (entre Ferrol e Barreiros) sería que non a tivera paralizado o anterior goberno bipartito. Foron os socialistas e nacionalistas os que máis dano fixeron a esta infraestrutura negandolle o impulso administrativo e económico necesario para facer realidade a vía chamada a unir o norte das comarcas da Mariña lucense, Ferrol, Eume e Ortegal.
Balseiro lembrou as palabras do Conselleiro do MATI, Agustín Hernandez que explicou que o actual Goberno galego se atopou fai dous anos coa maior parte dos tramos desta vía practicamente na mesma situación que quedaran en 2005. A maiores, o Executivo de socialistas e nacionalistas “nun acto gravemente lesivo e feito ás agachadas” decidiu suspender os contratos para a redacción dos seus proxectos construtivos en algo máis da metade do trazado -48,5 km- correspondentes aos tramos San Sadurniño – Campo do Hospital (20 km), Campo do Hospital – AC-101 (8 km), Os Ramos – Covas (12,5 km) e Celeiro – San Cibrao (8 km.)
CAMBIO DE GOBERNO POSITIVO.- Afortudamente o cambio de goberno, permitiu mudar esta situación herdada e, tal e como recordou Balseiro Orol, “o Goberno galego está a traballar para impulsar esta obra, co fin de que a maior parte da infraestrutura (78%) estea en servizo dentro de catro anos, e no obxectivo de que nalgún dos treitos xa se poderán utilizar a partir do vindeiro ano”. O deputado popular insistiu en que a diferenza do acontecido durante a lexislatura de goberno de PSOE e BNG que afastaban ata o ano 2020 a súa finalización, hoxe existe un compromiso e un cronogramas concretos para a súa entrada en servizo de toda a infraestrutura non máis aló do 2017.
Balseiro tamén sinalou como paradóxico que o PSOE reclame á Xunta aquelo que non é capaz de cumprir o PSOE desde Fomento co tramo da súa competencia. De feito hoxe os 30 quilómetros do treito estatal do corredor da costa entre San Cibrao e Barreiros nin tan sequera teñen definido por onde pasarán, nin están marcados no mapa, nin pasados preto de dous anos están resoltas as alegacións que por lei deberían responderse en catro meses.
O PP INVESTIU MÁIS DO DOBRE QUE O BIPARTITO.- No ámbito económico Balseiro Orol lembrou que fronte aos 16,9 millóns de euros destinados a esta vía entre 2006 e 2009, dos que só se investiron realmente 1,5 millóns, a Xunta de Galicia consignou nos orzamentos de 2010 e 2011 arredor de 39 millóns de euros, máis do dobre de toda a pasada lexislatura. Ademais adxudicou e iniciou as obras do primeito treito lucense, o que une San Ciprián con Celeiro, que conta cun orzamento superior aos 30 millóns de euros.
Balseiro Orol concluíu que tanto a Xunta de Galicia –durante o debate da interpelación- como o Grupo Parlamentario Popular insisten de novo a súa plena vontade de actuar nesta vía de vertebración do litoral das provincias da Coruña e Lugo, e faranno axustando ao máximo posible os prazos marcados no Plan MOVE para cada un dos tramos.