Partido Popular de Lugo

Castiñeira fará un Plan de austeridade, constituirá un Rexistro Municipal de Empresas e porá en marcha unha oficina de Planificación Económica

Lugo, 20 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou hoxe que, no caso de gobernar a partir do vindeiro 22 de Maio, acometerá varias medidas para reducir a débeda do concello, xa que a día de hoxe é o máis endebedado de Galicia, con 81 millóns de déficit: 45 millóns de débeda bancaria, 30 millóns por un convenio con Acuanorte para a posta en marcha da potabilizadora e outros 6 millóns que haberá que devolver ao Estado. Detallou que a débeda se duplicou dende a chegada de Orozco ao goberno local en 1999.

Para mellorar a situación económica, Castiñeira propón un Plan de Austeridade que minimice os gastos improdutivos e superfluos, como as viaxes e outros conceptos incluídos no capítulo de gastos diversos. Neste contexto enmárcase a redución do número de asesores e a rebaixa nos soldos dos políticos. Esta iniciativa complétase co Plan de Optimización de Recursos, baseado na análise dos recursos humanos e materiais que ten o Concello á súa disposición para mellorar a prestación dos servizos reducindo o seu custe (eliminando alugueiros innecesarios, por exemplo).

O popular complementará a medida anterior coa posta en marcha dunha Oficina de Planificación Económica, que ten como finalidade a programación plurianual das actuacións do goberno local para impedir que o Concello actúe improvisadamente e sen ter en conta as prioridades reais do municipio. Preténdese ademais evitar que todas as obras se concentren en vésperas de datas electorais para favorecer unha mellora continua e planificada do Concello. Castiñeira explicou que con esta oficina non se levantaría varias veces a rúa da Raíña ou Ramón Ferreiro mentres existen viais nas Gándaras, en Albeiros, na Piringalla ou na maioría das parroquias do rural en estado deplorable. 

En materia económica, Castiñeira realizará un Rexistro Municipal de Empresas co obxecto de dar oportunidades a todas as empresas lucenses a presentarse aos contratos de obras e servizos licitados polo goberno local. Deste xeito, preténdese primar, sempre dentro dos cauces da legalidade, a incorporación de firmas locais, ao contrario da tendencia que segue o goberno actual, e así favorecer o emprego dos veciños do Concello. Con este sistema, todas as empresas interesadas terán coñecemento inmediato dos concursos públicos.

Durante a rolda de prensa, o candidato popular revelou que dende o 2008 se perderon no noso municipio preto de 1.000 postos de traballo no sector do comercio, polo que estima que o goberno local saído das eleccións de pasado mañá deberá afrontar como «reto prioritario» a creación de emprego na cidade galega onde máis medrou o paro. Nese senso, Castiñeira presenta unha batería de medidas para traballar pola diminución do desemprego:
·        O Rexistro Municipal de Empresas
·        O Plan de Apoio e Dinamización do Comercio para manter os postos que xa existen e lograr outros novos, tanto nos barrios como no centro
·        A simplificación dos trámites administrativos municipais: as licenzas de obra menor e de actividade expediranse nun prazo máximo dun mes

Administración.- Castiñeira tamén se referiu a cuestións da administración nun doble senso: a súa descentralización, aumentando as funcións dos traballadores de dous centros de convivencia (no da Milagrosa e no de Fingoi) para que se ocupen de tarefas de rexistro de solicitudes e documentación. Asimesmo, dará máxima prioridade ao desenvolvemento da administración electrónica para aforrar tempo e custe aos veciños, que poderán facer xestións dende a súa casa con maior comodidade. Lembrou que o Concello dispuxo dun director xeral de novas tecnoloxías que non logrou avanzar nada neste camiño. 

Tendo en conta os dous piares anteriores, Castiñeira comprometeuse tamén a eliminar as esperas no rexistro municipal do edificio administrativo, que en moitas ocasións está colapsado.