Partido Popular de Lugo

Castiñeira propón unha rotonda en Alfonso X coa N-VI e un estudo integral das rúas e das parroquias do Concello para priorizar actuacións de mellora

Lugo, 19 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira afirmou esta mañá, en rolda de prensa, que no caso de chegar a gobernar o Concello, proporá unha rotonda á altura do enlace de Alfonso X coa N-VI co obxectivo de reducir os sinistros de tráfico que, con certa frecuencia, se dan neste punto, e ao mesmo tempo mellorar a fluidez do tráfico.

Castiñeira subliñou esta proposta nunha rolda de prensa na que tamén confirmou a súa intención de facer un estudo integral de todo o Concello, rúa a rúa e parroquia a parroquia. A partir desta análise, o goberno local establecerá un plan de prioridades e decidirá, a partir dunha revisión do estado «real e actual», qué orde seguirán as intervencións que faga o goberno local. A intención é non levantar sempre as mesmas rúas recén feitas ou en bo estado, como a da Raíña ou Ramón Ferreiro, senón actuar naquelas que non teñen beirarrúas.

No eido das infraestruturas, o popular compromete, asimesmo, un novo acceso dende a ponte á cidade que evite a destrución do Parque Marcos Cela, tal como pretende Orozco. A súa alternativa pasa por un novo vial que parta dende a glorieta do estadio Anxo Carro ata ao cruce da rolda do Carme e chegue á rolda da Muralla a través de Noriega Varela.

O candidato lembrou tamén a súa proposta de construír un ascensor en Fontiñas á altura das escaleiras de Ramón Montenegro, a súa intención de substituír as tuberías de fibrocemento que inda quedan en moitos barrios e supoñen unha ameaza para o abastecemento de auga debido ás frecuentes roturas e o remate do Plan Paradai ao longo do vindeiro mandato, entre outras medidas no ámbito das infraestruturas.

Urbanismo.- Castiñeira referiuse, asimesmo, ao capítulo de urbanismo e ás propostas que inclúe o seu programa:
·        A gratuídade das Inspeccións Técnicas de Edificios porque, a xuízo do popular, non debe existir discriminación entre os veciños do centro, para os que as revisións foron gratis, e os dos barrios e as parroquias teñen que abonalas.
·        A elaboración do plan Lugo Renóvate para o adecentamento de edificios ao longo de todo o Concello. Contará cunha liña de axudas de 1 millón de euros anuais e desenvolverase ao longo dos catro anos co obxecto de xerar emprego nos oficios da construción e chegar a mover en torno a 6 millóns de euros cada ano.
·        A revisión do Plan Especial de Protección de Reforma Interior (PEPRI), co obxectivo de facilitar a rehabilitación do casco amurallado
·        A axilización na tramitación de licenzas urbanísticas para que redunde na creación de emprego: as de actividade e as de obra menor expediranse nun prazo máximo dun mes
·        O establecemento de prórrogas das licenzas concedidas tanto para iniciar como para concluír obras debido á imposibilidade temporal de abordalas no contexto de crise económica no que nos atopamos.