Lugo, 19 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira fixo entrega esta mañá dunha copia en Braille do programa electoral co que concorre o vindeiro domingo.
Castiñeira percorreu varios quioscos de invidentes do Concello para irlles facilitando o documento. Na primeira entrega estivo presente o Delegado da ONCE en Lugo Juan Leirós, quen lembrou que é invidente dende os 8 anos e que é un dos grandes defensores do Braille.
Afirmou que «non é o mesmo que che lean o programa a que o poidas facer ti mesmo», polo que agradeceu ao PP que se tiveran lembrado do colectivo. Leirós concluíu que «é moi importante ter o programa en Braille» e que «como cidadán e como invidente, é un pracer ter un resumo que permite coñecer o programa dun dos partidos».
Pola súa banda, o candidato popular garantiu unha atención específica para todos os colectivos con diversidade funcional e «un exemplo delo é a entrega desta mañá».
Balance maratón.- A entrega forma parte dun dos actos previstos na maratón de 40 horas que o candidato popular comezou ás 8 da mañá pedindo o voto aos empregados municipais, porque entende que «hai que traballar man a man cos funcionarios para servir ben aos lucenses en lugar de levalos aos xulgados e manter unha situación de permanente conflito».
Logo da entrega, Castiñeria participou en senllas entrevistas, en Radio Nacional de España e na gravación doutra en Telelugo. Ao longo da mañá, ten previsto ofrecer unha rolda de prensa, continuar con máis repartos de información electoral e tamén unha xuntanza sectorial con representates dos veterinarios.
A maratón continuará esta tarde con máis encontros cos veciños, co propio mitin central e con outra reunión sectorial con autónomos.