Santiago, 18 de maio de 2011.- A Comisión de Agricultura do Parlamento galego acordou hoxe, por iniciativa do Grupo Popular, instar á Xunta a presentar un novo Programa de Mellora Xenética para o quinquenio 2011-2015, que resulte da revisión e actualización do anterior, salvagardando os seus piares básicos pero introducindo os axustes necesarios para adaptarse á situación actual.
Segundo explicou a voceira de Medio Rural dos parlamentarios do PPdeG, Isabel García Pacín, trátase de adecuar á nova realidade as políticas nesta materia que foron adoptadas polos anteriores gobernos do PPdeG. Unha nova realidade que, despois de 20 anos de deseñadas esas políticas, se caracteriza por un menor número de explotacións e explotacións con medias produtivas e índices de mérito dos reprodutores rexistrados no Libro Xenealóxico que lles permiten adoptar un papel protagonista e ofertar este nivel xenético a outras comunidades.
PRODUCIÓN DE ANIMAS DE ALTO VALOR XENÉTICO.- Así, a iniciativa avoga por un papel máis activo das gandeirías colaboradoras que, cumprindo cos requisitos zootécnicos e sanitarios esixidos, se compromentan coa xestión do Programa a través dun acordo de colaboración para a produción de animais –machos e femias- de alto valor xenético, no marco do Programa de Mellora Xenética Frisona de Galicia.
Os obxectivos son continuar coa mellora da eficiencia das explotacións leiteiras galegas –incrementando a produción das xovencas en control leiteiro de primeiro parto e coa incorporación máis activa de explotacións colaboradoras- e crear un novo nicho de negocio na produción de alta xenética para os criadores de gando vacún leiteiro, coa creación dun mercado virtual no que se oferten xovencas e embrións de alto mérito xenético.