Partido Popular de Lugo

O CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN ESTUDIA CON ALUMNOS, PAIS E PROFESORES NOVOS CICLOS FORMATIVOS PARA IMPLANTAR EN CHANTADA

CHANTADA, 18 de maio de 2011.- O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, reuniuse esta tarde en Chantada con profesores e alumnos de Formación Profesional, así como cos pais dos últimos. A xuntanza celebrouse na sede local do Partido Popular, coa asistencia do candidato á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso, quen reclamou a implantación de novos ciclos formativos relacionados co sector primario.

Previamente, Jesús Vázquez fora recibido na oficina do candidato polo propio Fernández Reinoso e pola presidenta do PP de Chantada, Susana López Abella. Con ambos realizou tamén o conselleiro un percorrido polas principais rúas da vila, deténdose a falar con diversas persoas sobre a cita electoral do vindeiro domingo.

Na xuntanza con estudantes, profesores e pais, o conselleiro de Educación coñeceu de primeira man as necesidades que en materias da súa competencia teñen os chantadinos. Vázquez amosouse receptivo para a implantación de ciclos formativos sobre viticultura, industria transformadora de produtos agrarios e gandería.

Fernández Reinoso espera concretar a boa disposición do conselleiro de Educación cando asuma a Alcaldía de Chantada. Explicou que “un eixo esencial da nosa oferta electoral é facer de Chantada a capital dunha ampla comarca, e para iso temos que fixar poboación xuvenil. Unha parte dos nosos rapaces marchan a estudar fóra e outra parte, cando remata os estudos, non atopa aquí oportunidades de emprego. Estou convencido de que gandería, agricultura e industria transformadora de produtos do campo poden darnos oportunidades interesantes, sempre que os rapaces reciban formación adecuada que modernice o sector. Por iso estamos tan empeñados en completar a oferta educativa”.

O candidato do PP tamén falou con Jesús Vázquez de coordinar aos centros de formación de Chantada para que os seus alumnos poidan realizar prácticas nas empresas da zona.