Partido Popular de Lugo

Castiñeira anuncia a reorganización da Policía Local e a creación dunha Unidade de Seguridade Nocturna

Lugo, 18 de maio de 2011.- O candidato popular Jaime Castiñeira anunciou esta mañá en rolda de prensa que, no caso de ser elixido o vindeiro 22 de Maio, reorganizará o corpo da Policía Local e creará unha unidade especializada, chamada Unidade de Seguridade Nocturna, co obxectivo de garantir a seguridade cidadá nocturna.

Dentro desta reestruturación, dotará de máis medios á Policía de mobilidade para poder mellorar a ordenación do tráfico da cidade e, dese xeito, non reducir o número de efectivos que desempeñan funcións de policía xudicial e de seguridade cidadá. Castiñeira subliñou que “existen diferentes perfís no seo da nosa policía, que van dende diplomados en Criminoloxía a licenciados en Dereito ata diplomados en Relacións Laborais”, polo que “é imprescindible” reorganizar o corpo para mellorar o funcionamento e, sobre todo, garantir a seguridade «real e non só estatística».

Castiñeira alertou de que «o peor está por chegar se antes non se soluciona a conflitividade coa Policía Local», en referencia á convocatoria de prazas da Policía Nacional e a Guardia Civil: en 2008 5.000 prazas, en 2009 baixou ata 1.669, en 2010 convocáronse 369 e para o presente ano 153. É dicir, que o número de efectivos contratados redúcese «moi sensiblemente», polo que Lugo terá moita menos policía na rúa «e Orozco segue empeñado en meter á que queda no xulgado». Hai que ter en conta, ademais, que un Policía tarda 24 meses en incorporarse ao seu posto. 

A reorganización inclúe tamén a supresión da figura de “comisario político” que na actualidade exerce como Director Xeral da Policía cobrando 271.000 euros e que está dobremente imputado. O popular avoga polo nomeamento dun axente do propio corpo da Policía Local “no lugar dun asesor persoal do alcalde que non ten nin idea de cómo dirixir un corpo de seguridade”.

Castiñeira trasladou este compromiso nunha rolda de prensa diante da sede da Policía Local e subliñou que “o problema destes anos foi a politización da Policía Local, xa que os axentes son os mesmos que fai 12 anos, cando era un organismo felicitado a nivel nacional”. O popular lembrou que, de acordo coa lei, o máximo responsable do corpo é o alcalde, polo que “o culpable destes 12 anos de intranquilidade non son só os concelleiros de área que foron pasando, senón o propio Orozco, que foi incapaz de resolver unha cuestión que para o PP si é unha prioridade”. 

“Lugo non pode renunciar a volver ser a cidade segura que foi”, sentenciou Castiñeira, ao tempo que afirmaba que “antes no rural podíase andar coas portas abertas e agora os veciños non están seguros nin coas portas pechadas”. Por último, asegurou que o 22 de Maio, Lugo terá que escoller entre o modelo das inseguridades (o de Orozco-Bao) ou o da única alternativa para o cambio, tamén na Policía, o do equipo de Castiñeira. 

Máis medidas.- Tamén dentro do capítulo de seguridade, Castiñeira relatou máis medidas que porá en marcha se sae elixido alcalde:
·     Unha maior coordinación dos axentes locais co resto de corpos e forzas de seguridade do estado
·     Melloras de seguridade no entorno dos centros educativos que hoxe presentan serios problemas de trapicheos e coaccións, como o caso da Piringalla
·     Vixiancia nocturna nos polígonos industriais do Ceao e As Gándaras
·     Vixiancia durante as 24 horas na Sala de Control de Tráfico

Estas propostas complétanse coa creación dunha Comisaría Nacional de Policía no barrio da Residencia para dinamizar a actividade da zona e recuperar socioeconomicamente un barrio para o que Orozco non preveu nada, malia saber que o hospital se desprazaba á zona de San Cibrao dende que asumiu a alcaldía en 1999.