Partido Popular de Lugo

Castiñeira propón un Patronato para a Muralla para explotala turisticamente, xunto co camiño primitivo e os ríos, co obxectivo de alongar a estancia media dos turistas

Lugo, 17 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou que, se é elixido alcalde, porá en marcha un Patronato para a Muralla, co obxectivo de potenciala turisticamente e poñer en valor un monumento emblemático para Lugo “á que aínda non se exprimiu todo o que se podía”.

O organismo, con carácter aglutinador e integrador, estaría formado por historiadores, estudiosos do monumento e defensores do emblema, como o colectivo de Amigos da Muralla. A estes grupos sumaríanse representantes institucionais e empresariais que desexan participar desta promoción “estable e permanente ao longo do tempo” para recuperar “todos os anos de proxección perdidos, incluído o décimo aniversario da declaración da construción romana como patrimonio da humanidade, “substituíndo a proxección do monumento pola dun cargo político”.

Algunhas das medidas a levar a cabo dentro deste patronato para convirtir a Muralla no mellor distintivo de Lugo e no primeiro elemento de explotación turística do noso Concello, serían:

·     Percorridos guiados, con periodicidade segundo a época
·     Promoción de publicacións e estudos sobre a Muralla para divulgar o que os especialistas coñecen pero que o gran público ignora
·     Puntos de venda de publicacións, chaveiros, reproducións do monumento, pins, lápis…
·     Potenciar a declaración de “Amigo da Muralla”, tal como vén facendo a asociación de Amigos da Muralla, a quen pasee polo monumento, seguindo o exemplo da Compostelana santiaguesa
·     Instituír distincións anuais para premiar a destacados colaboradores co emblema romano
·     Promover que os hosteleiros incorporen o prato “Muralla de Lugo” nos diferentes restaurantes para vincular o monumento á gastronomía. Tamén que as pastelerías poidan facer murallas romanas de chocolate
·     Procurar que unha asociación de xoieiros deseñe un torque ou unha pulsera con diversas variedades de metais e estilo que sirva tamén de souvenir.
·     Instituír unha festa anual da muarlla e potenciala como espazo de teatro, desfiles, paseos e concertos

O candidato popular sabe que a Xunta de Galicia encárgase do mantemento, restauración e posta a punto do monumento (de aí que veña de licitar un plan cuatrianual de mantemento), pero o Concello é o encargado dos xardíns exteriores e debe sacarlle a máxima rendibilidade, polo que son precisas medidas como as anteriores, que se sumarán a posibles réplicas da Muralla ou á posta a disposición dos turistas de postais gratis do monumento para que divulguen a súa imaxe. 

“Turismo significa emprego”, subliñou Castiñeira, quen tamén aposta pola recuperación do camiño primitivo ao seu paso por Lugo e por explotar o cinto verde do Concello, con medidas como roteiros de bicicleta todo terreo. O obxectivo é alongar a estancia media dos turistas no noso municipio, que na actualidade non chega nin tan sequera aos dous días. 

Para conseguir esta meta, aproveitaranse as sinerxias dos turistas que cheguen a cidades próximas (A Coruña ou Ferrol), así como á Mariña lucense. Ademais, Castiñeira tamén apoiará o recentemente constituído Patronato Provincial de Turismo e acometerá melloras na seguridade. 

Propostas culturais.- No que atinxe ao terreo cultural, o candidato popular insistiu no seu compromiso de asinar contratos de traballadores a tempo completo para a Banda Municipal de Música e de pór en marcha unha Escola Municipal de Música.

Ademais, tamén nomeará un cronista oficial da cidade, fará unha semana de teatro para grupos locais, creará unha axenda única que englobe todas as actividades culturais organizadas, tanto pola iniciativa privada como pola pública, e aproveitará as instalacións do auditorio, “por fin desbloqueado grazas a un goberno do PP na Xunta, malia que Orozco xa recibiu a idea cando chegou á alcaldía fai 12 anos”, entre outras propostas neste eido.